Un cento de profesionais asisten á xornada contra a explotación sexual, organizada por Igualdade

A sesión terá lugar en Santiago o 23 de setembro, coincidindo co Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas.

Presentarase a curtametraxe Escúchame, unha peza audiovisual contra a trata de mulleres, dirixida por Mabel Lozano, e premiada en varios festivais de cine.

Listen to this page using ReadSpeaker

Preto dun cento de profesionais que desenvolven a súa actividade nas áreas de igualdade e vencelladas á atención psicolóxica, legal e asistencial a mulleres e, especialmente, a colectivos de vítimas de trata obrigadas a ser prostituidas, van asistir á xornada que organiza a Secretaría Xeral da Igualdade o 23 de setembro en Santiago, coincidindo co Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas. A sesión está dirixida a profesionais da rede de Centros de Información ás Mulleres, de entidades de carácter social, de ONGs, das administracións e, en xeral, a todas aquelas persoas interesadas na análise desta temática.

O programa da xornada, que terá lugar no Museo Pedagóxico de Galicia, inclúe a presentación do proxecto internacional Itíneris para a protección dos dereitos das mulleres migrantes procedentes de Brasil con destino á UE, que caen en mans das redes de persoas e son explotadas sexualmente. A presentación será realizada por Manuel Albano, vicepresidente da Comissao para a Cidadanía e Igualdade de Gênero de Portugal, e pola titular de Igualdade da Xunta, Marta González, que xa asistíu en Viena (Austria) o pasado mes de agosto á posta en marcha do proxecto. A participación en Itíneris resulta de gran interese para Galicia, tendo en conta que Brasil encabeza os países de orixe das mulleres que exercen a prostitución na comunidade, xunto a Romanía e Nixeria. Segundo datos da Fiscalía Superior de Galicia, o número de mulleres identificadas en Galicia entre 2005 e 2008 polas forzas de seguridade como vítimas da trata de seres humanos con fins de explotación sexual foi de 234, a teor do manifestado por elas mesmas en dependencias policiais.

Ademais, participarán na sesión Silvia Pérez Freire, investigadora da Universidade de Vigo, que intervirá sobre O actor prostituínte: o denominado cliente, e Carlos Bandín, axente da Garda Civil experto en delitos desta natureza, que pronunciará unha conferencia sobre Os delitos de trata e tráfico de persoas desde unha perspectiva policial.

No marco da xornada terá lugar a presentación en Galicia da curtametraxe Escúchame, dirixido por Mabel Lozano, que reflicte en pouco máis de catro minutos a dura realidade de mulleres novas, de distintas nacionalidades, que son víctimas da trata con fins de explotación sexual. Esta curta ten obtido varios premios e participado en numerosos festivais, como o International Competition of the KALIBER35 Munich (Alemania) e o ICCL Human Rights Film Awards de Dublín (Irlanda), no que gañou o primeiro premio, que se engade a anteriores distincións do Ministerio de Sanidade, da Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha ou ao Premio Culturas 2010.

881 lecturas