A Xunta amosa a súa satisfacción pola liberación do empresario galego secuestrado en Venezuela
A familia confirmou a noticia persoalmente ao secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, ás oito e media da mañá (hora galega).
Un dos fillos do empresario galego Juan Soto, secuestrado en Caracas esta semana, confirmou esta mañá telefonicamente ao secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, a liberación do emigrante galego. En torno ás oito e media da mañá hora galega (dúas da mañá hora venezolana), producíase a comunicación con Camba, quen amosaba a familia a fonda satisfacción de todo o Goberno e pobo galegos polo desenlace do suceso.
O fillo do secuestrado asegurou que Soto atópase razoablemente ben, tendo en conta o vivido nestas últimas horas, e agradeceu o amplo pero discreto dispositivo que a Secretaría Xeral da Emigración ten despregado estes días ata chegar á feliz conclusión.
Neste sentido, Emigración lembra que desde o primeiro momento se puxo a disposición da familia, e da importante colonia de galegos emigrados na poboación venezolana de El Junquito, para axudar en todo o posible. En estreita colaboración coas autoridades españolas en Venezuela, e das venezolanas en España, intentouse que a discreción e a velocidade fosen da man na resolución do acontecido.
Constante preocupación
A situación de inseguridade crecente que vive o país caribeño preocupa á Secretaría Xeral da Emigración, que fai todo o posible na súa man porque esta mala conxuntura para a diáspora galega sexa o máis lixeira posible. Este tipo de sucesos, como o secuestro de Soto, son por desgraza frecuentes nun país onde a delincuencia acada cotas de maior frecuencia e violencia cada día.
Novas relacionadas



