A Xunta necesita que o estado lle transfira os 243 millóns de euros do Fondo de Cooperación para garantir o cumprimento da estabilidade orzamentaria
O Goberno galego está a facer os seus deberes e reitera o seu compromiso coa estabilidade orzamentaria e a redución do déficit.
O incumprimento do sistema de financiamento autonómico pode pór en risco os obxectivos de 2011.
Galicia, xunto con Madrid, foi a única comunidade que xa cumpriu en 2009 e 2010 co obxectivo de estabilidade orzamentaria.
Nunhas semanas será a primeira autonomía en limitar por lei o crecemento do gasto nos períodos de bonanza e en fixar un teito de gasto no orzamento.
A Xunta de Galicia está comprometida coa senda da estabilidade orzamentaria e coa redución do déficit tal e como poñen de manifesto os datos referidos ao primeiro trimestre do ano feitos públicos polo Ministerio de Economía y Hacienda, que reflicten que é unha das tres comunidades que mellor se está a comportar nos primeiros meses do ano.
Non obstante, o Goberno galego, que está a facer os seus deberes nos dous últimos anos sendo unha das dúas únicas autonomías cumpridoras en 2009 e 2010, advirte de que pode non axustarse este ano ao seu obxectivo do 1,3% de déficit se o Estado insiste en non transferir neste exercicio os 243 millóns de euros correspondentes ao Fondo de Cooperación, no marco do sistema de financiamento autonómico.
Desde hai algo máis de dous anos o Executivo autonómico está a seguir unha política decidida de control do gasto e de disciplina orzamentaria como elementos para impulsar a recuperación económica e para aportar confianza aos mercados, pero o incumprimento reiterado do modelo de financiamento autonómico pode pór en risco os obxectivos para 2011.
Nos últimos dous ano a comunidade autónoma ten actuado cunha lealdade institucional, que se completará en vindeiras semanas cando Galicia se converta na primeira autonomía que limitará por lei o crecemento do gasto nos períodos de bonanza e en fixar cada exercicio un teito de gasto que terá que aprobar o Parlamento autonómico, unha norma que xa está en tramitación na Cámara e que será aprobada nas vindeiras semanas.
Incumprimentos
A Comunidade galega reclama para este exercicio 805 millóns de euros polo incumprimento do novo modelo de financiamento autonómico, o primeiro no que se comeza a ver o alcance do novo sistema e as súas implicacións.
O montante global de incumprimentos para Galicia supón 228 millóns de euros de minoración de recursos que provoca o Statu Quo. A esta cantidade hai que engadir 243 millóns de euros do Fondo de Cooperación que o Goberno négase a transferir este ano pese a que si o fixo en 2010.
Os recursos adicionais de 2010 correspondente ao sistema de financiamento autonómico, por importe de 162,3 millóns de euros, e os 171,6 pola revisión tralo incremento de tipos impositivos do IVE completan os 805 millóns de euros que reclama Galicia.
O Executivo autonómico non vai renunciar a estes fondos por responsabilidade e cre que pode chegar a un acordo co Goberno central na Comisión Bilateral solicitada pola Xunta e que ten que convocar o Estado.
Novas relacionadas



