Un galego en Puerto Rico recibe a Orde do Mérito Civil
A distinción foi concedida ao empresario Manuel Ceide polo Rei Juan Carlos por proposta do Ministerio de Asuntos Exteriores.
O empresario galego afincado en Puerto Rico Manuel Ceide recibiu a Orde do Mérito Civil, unha distinción que concede o Rei Juan Carlos por proposta do Ministerio de Asuntos Exteriores. A Orde entrégase a aquelas persoas que prestaron servizos relevantes ao Estado, con proveitosas iniciativas ou con constancia exemplar no cumprimento dos seus deberes.
Nacido en Lugo, Ceide está á fronte do popular restaurante El Mesón Gallego, un dos establecementos hostaleiros de referencia na illa caribeña e o único que está integrado na Asociación Amigos da Cociña Galega.
Manuel Ceide emigrou a Cuba con 17 anos e abandonou a illa, onde xa tiña negocios, ao impoñer Castro o réxime comunista. En Puerto Rico tivo que empezar de cero. Casado coa súa noiva de toda a vida, a tamén lucense Emma Vázquez Estany, teñen un fillo, Manuel Jesús, compositor e profesor do Conservatorio de Música de Puerto Rico.
Novas relacionadas



