Galicia en Cuba. Lingua. Rosalía. Loitas

Galicia en Cuba. Lingua. Rosalía. Loitas

Obra publicada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Temos aquí tres libros nun só volume. Tres temas ou capítulos definidores da obra dos nosos emigrantes que arribaron a Cuba. O autor, Xosé Neira Vilas, viviu 31 anos naquela illa (entrañable para milleiros de galegas e galegos), dos que dedicou máis de vinte e cinco a investigar con rigor e tenacidade a presenza galega dende 1870 ata hoxe. Estes son os temas:

  • A lingua galega en Cuba. É o primeiro estudo que se leva a cabo sobre o noso idioma máis alá das fronteiras xeográficas de Galicia. Inclúe a fala viva nalgunhas rexións daquel país antillano; a nosa lingua na prensa galega de Cuba e na prensa cubana; libros galegos publicados na Habana; clases de galego; traducións de autores cubanos; Cátedra de Cultura Galega; voces galegas na fala cotiá de Cuba.
  • Rosalía de Castro e Cuba. Rosalía, dúas publicacións periódicas; unha sociedad de declamación; versos na voz das e dos nenos cubanos; axuda dende A Habana a Rosalía, Murguía e as fillas de ambos Alexandra e Gala; poetas cubanos que lle cantaron e a loaron; a actual Sociedade Cultural Rosalía de Castro.
  • Galegos que loitaron pola independencia de Cuba. Emigrantes mambises que combateron nas dúas guerras pola independencia cubana; o xeneral Francisco Villamil; homes e mulleres incorporados a loitas reivindicativas do pobo cubano.

Enumeramos apenas un resumo da triloxía que engloba este volume. Tres temas moi distintos que teñen, non obstante, un denominador común: a incorporación das nosas e os nosos emigrantes á peripecia múltiple dos pobos e dos países a onde os leva o destino.

ISBN: 
978-84-92923-55-7
Autor: 
Xosé Neira Vilas
Ano publicación: 
2013
Idioma: 
Galego
Editorial: 
Consello da Cultura Galega
123 lecturas