Fardel de eisilado

Fardel de eisilado

Obra da colección Clásicos da Emigración editada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, unha escolma de libros que desfrutan da consideración de ser obras clásicas para o coñecemento e análise da emigración galega nas súas diversas épocas, destinos e facetas e que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías. A publicación facsimilar acompáñase de cadansúa introdución e estudo crítico, neste caso de Xosé Gregorio Ferreiro Fente.

En 1949, Luís Seoane poñía, por primeira vez en trece anos de exilio na Arxentina, os pés no continente europeo, onde pasa cinco meses entre París e Londres. Na travesía de regreso a Bos Aires, aproveitando unha escala técnica que realiza o Highland Princess no porto de Vigo, el e a súa dona poden verse e conversar con algúns vellos amigos durante tres breves horas. Xa de novo a bordo do paquebote, aguilloado por un sentimento de derrota persoal e xeracional, Luís Seoane acomete, pola pura necesidade de expresar o seu desacougo, a composición de «Dende o Highland Princess», o segundo dos dous poemas que utilizará de pórtico en Fardel de eisilado, cando se decide a publicar o poemario en 1952. Para ilustrar o que era o seu primeiro libro de poemas, o artista utilizará ademais os debuxos que realizara dos emigrantes que compartiran con el as longas horas de ocio no «combés de terceira» do barco.

Fardel de eisilado é a achega firme dun artista plástico xa de éxito en 1952 que elixe a expresión poética, deliberadamente e porque se sente dotado para traballala, co propósito de enunciar a súa persoal reflexión sobre a emigración e o exilio; segundo o poeta, dúas facianas converxentes nunha idéntica realidade, caracterizada polo alleamento e a exclusión social.

A condición de libro icónico que adoito se lle atribúe a Fardel de eisilado obedece, en non pouca medida, ao cambio que a súa publicación introduciu na lírica galega, que Luís Seoane orienta cara aos eidos do socialrealismo, servíndose dunha linguaxe de intención prosaica pero de ambición épica.

ISBN: 
978-84-17802-25-7
Autor: 
Luís Seoane
Ano publicación: 
2020
Idioma: 
Galego
Editorial: 
Consello da Cultura Galega
Comentario: 
Edición facsimilar
555 lecturas