Isaac Díaz Pardo

Naceu o 22 de agosto 1920 en Santiago. Frecuentou desde moi neno o taller do seu pai, Camilo Díaz Baliño, no que se celebraban reunións moi na órbita das Irmandades da Fala.
Rematada a guerra, ingresou na Escola de Belas Artes de San Fernando e en 1941 participou na primeira experiencia que se facía en España sobre deseño industrial. No 1948 abandonou a dedicación ás artes plásticas e comezou a súa obra de ceramista montando unha planta industrial no Castro de Samoedo. Tamén cultivou o ensaio e a crítica.
Por tan dilatada traxectoria recibiu moitas distincións, entre as que destacan: o Pedrón de Ouro (1976), a Vieira de Prata do Patronato da Cultura Galega de Montevideo (1995), o XLI Premio Fernández Latorre (1999), o Premio Arquitecto Honorífico polo Colexio de Arquitectos de Galicia (2001) ou o Premio das Letras e das Artes de Galicia (2003). Faleceu na Coruña o 5 de xaneiro de 2012.