Manuel Magariños

Fundador de "El Diario Español"
Manuel Magariños

Nace no concello de Pontecesures (Pontevedra) o 18 de novembro de 1871. Fillo de Antonio Magariños e Antonia Castaños. Emigra de mozo a Uruguai onde traballa como dependente de comercio, empregado de rematador e máis tarde rematador por conta propia. Nesta profesión encargábase da venda de terreos, propiedades, etc., en subasta ou entre particulares. 

Posteriormente iniciase no mundo do xornalismo traballando para o xornal brasileiro A Actualidade, onde exerce durante algún tempo o cargo de administrador. Anos máis tarde traballa no xornal La España, onde ten ao seu cargo a Sección Comercial e Sociedades Españolas, sendo ademais empregado de confianza na administración do xornal.

Tras a desaparición de La España, Magariños considerou que a colectividade española do Uruguai precisaba dun órgano de prensa que fora voceiro dos seus intereses e receptor das súas inquietudes sociais e mesmo intelectuais. Deste xeito fundou El Diario Español, en Montevideo o 15 de maio de 1906. Este foi o único xornal creado por un galego que tivo como razón de ser os intereses da colectividade española no Uruguai, e que perdurou no tempo. Un comentario da editorial do primeiro número resume o pensamento do seu fundador e sinala o camiño a seguir polo xornal que nacía: “Una agrupación de españoles hemos tomado a nuestro cargo dar a publicidad un órgano periodístico que sea expresión fidelísima de la manera de sentir y de pensar de la comunidad de compatriotas nuestros residentes en el Uruguay. El Diario Español nace sin enemigos. No puede tenerlos quien como él surge para realizar una labor altamente patriótica y regeneradora”.

Coa morte do fundador en 1941 o xornal pasa a ser dirixido polo seu fillo, Manuel Magariños Spadafora, que falecería pouco despois pasando a dirección a dous netos do fundador: Carlos Reinante Magariños e Fernando Magariños Ascone.

O seu amor por Galicia levouno a integrar o Centro Gallego no cal desempeñou cargos directivos.

Falece en Montevideo o 16 de xullo de 1941.

Bibliografía: 

VV.AA.: Revista del Centro Gallego, número extraordinario, de 30 de xullo de 1925, p. 28.

VV.AA.: Revista Centro Gallego, número 114 de 1926, p. 8.

VV.AA.: Revista Centro Gallego, número 125 de 1927, p. 4.

ZUBILLAGA BARRERA, C.: Los Gallegos en el Uruguay. Apuntes para la historia de la inmigración gallega hasta fines del siglo XIX, Ediciones Banco de Galicia, Montevideo, 1966, pp.135 a 137.

VV.AA: Suplemento Gallego. El Diario Español", número 4, 20/05/1979, p. 1; 4.

SAMUELLE LAMELA, CRISTINA: La Emigración Gallega al Río de la Plata. Universidad Complutense de Madrid. Facultad de Ciencias Políticas e Socioloxía. Departamento de Antropoloxía Social. Madrid, 1999 (p. 333)

Fotografías

  • Fachada da sede de El Diario Español
  • Selo conmemorativo do Centenario de El Diario Español 2006
  • Visita do Profesor Blas Cabrera á redacción de El Diario Español. Agosto 1922 (Manuel Magariños 1º pola dereita)
  • Portada Suplemento Gallego de El Diario Español

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
2875 lecturas