Jesús Canabal Fuentes

O papel de Suevia, o amor por Galiza
Jesús Canabal Fuentes

Naceu no Concello do Pino (A Coruña) en 1897. Con 13 anos emigrou cara ao Río da Prata, chegando a Bos Aires onde traballou na casa Iturrat, firma que xiraba en torno ao ramo da papelaría. Despois de botar un tempo na casa matriz foi nomeado xerente da sucursal en Montevideo. A crise producida pola Primeira Guerra Mundial obrigou á empresa ao peche da sucursal montevideana. Canabal permaneceu en Uruguai e continuou incursionando no ramo da industria papeleira. No ano 1921 forma unha sociedade con dous irmáns seus: José, que emigrara a Bos Aires, e Andrés que fora reclamado a España. Organizaron unha sociedade á que denominaron "Jesús Canabal y Hnos. Fábrica de Sobres". O produto vendido levaba a marca "Suevia". Nese mesmo ano, e como consecuencia do desenvolvemento que vai cobrando a empresa, adquiren o negocio de papelaría de Jaime Bech un dos máis famosos da cidade pola súa ubicación céntrica. Tamén nese ano, incorporouse á Sociedade outro irmán seu, Manuel, que chegou desde Galicia. A súa política foi a de ir adquirindo sucesivos negocios vencellados ao ramo da industria papeleira co fin de ampliar locais e capital, á vez que o número de traballadores ascendía a 40 en 1925. En 1930 a sociedade "Canabal y Hnos." fusionada coa firma "Ferro y Romani", contaba xa con catro locais en distintos lugares de Montevideo. Nese ano trasformase en "Canabal y Hnos. y Carluccio" ao adquirir outras antigas firmas denominadas "Lettire y Bengoa" e "Lacaña Hnos." O crecemento da empresa, que co pasar do tempo incorporou novas firmas, levou a que a mesma puxera en funcionamento a súa propia fábrica para a fabricación de papel. Así en 1937 fundou a "Industria Papelera Uruguaya Sociedad Anónima" (IPUSA) e, en 1948, na cidade do Pando outra fábrica de papel que ocupou a máis de 100 obreiros. Nun anuncio de prensa dos anos 40 figura como socio da empresa "Canabal y Cia" (ubicada na Rúa Uruguay, nº 1213) dedicada á papelaría, libraría e material de escritorio en Montevideo. En 1956 foi un dos empresarios que destacou na creación do Banco de Galicia no Uruguai. Esta entidade ademais de funcionar como entidade financieira, foi a promotora dunha serie de iniciativas culturais como concursos literarios, exposicións de libros, de fotos sobre Galicia e axudou á financiación de edición de libros. En atención a este labor cultural no ano 1962 o Consello de Galiza concedeulle o Premio Castelao, e en 1966 o Patronato da Cultura Galega outorgoulle a súa Vieira de Prata.

Desde a súa chegada a América, Canabal estivo sempre vencellado ao galeguismo. En Montevideo presidiu o Banco de Galicia a Casa de Galicia da que foi Presidente, a Irmandade Galeguista, o Patronato da Cultura Galega (foi un dos seus socios fundadores, ademais de Tesoureiro na primeira Xunta Directiva e no exercicio 1965-66; Vicepresidente en 1966-1968) e promoveu a audición radial "Sempre en Galiza", emitida íntegramente en galego por Radio Carve, con cobertura por todo o territorio uruguaio e gran parte de Arxentina. En 1945 foi Presidente da Comisión de Sanidade de Casa de Galicia. En 1956 foi nomeado Presidente do Congreso da Emigración Galega, que se desenvolveu en Bos Aires e no que participaron os máis destacados dirixentes do exilio galego. Durante as décadas dos 50 e 60 Canabal realizou varias viaxes a Europa. Nun deles, en París en 1958, César Alvajar e Ramón Suárez Picallo propuxérono, en representación do Consello de Galiza, como Ministro delegado da República no exilio, cargo que ocupou desde maio de 1958 ata febreiro de 1962.

Faleceu en Montevideo o 29 de agosto de 1985.

Bibliografía: 

Revista del Centro Gallego de Montevideo número extraordinario, xullo de 1925, Sección Anuncios, p. 135.

Alma Gallega. Órgano oficial de la Casa de Galicia Número extraordinario aniversario XXVIII de "Casa de Galicia. Semana Gallega", decembro de 1945, p.31 e p. 54.

Casa de Galicia de Montevideo en el día de Galicia julio de 1946, p. 18.

Guieiro. Órgano do Patronato da Cultura Galega abril 1965, nº1, ano I, p. 2; novembro de 1966, n º 2, p. 2; xuño-outubro de 1989, nº 16-17, p. 6.

PUIGGROS, E. ET ALII La Inmigración Española en el Uruguay. Catalanes, Gallegos y Vascos Organización de los Estados Americanos. Montevideo: Instituto Panamericano de Geografía e Historia. Serie Inmigración, Volumen VII, p. 82; 84 e 93.

SAMUELLE LAMELA, CRISTINA La Emigración Gallega al Río de la Plata. Facultad de Ciencias Políticas e Socioloxía. Departamento de Antropoloxía Social. Madrid (p. 333 e 337)

Galicia siglo XX La Voz de Galicia S.A. A Coruña(p. 226)

Documentación asociada
Documentación asociada
A emigracion no Uruguai part16.17 MB
A emigracion no Uruguai part23.83 MB

Fotografías

  • Foto de Xesús Canabal
  • Xesús Canabal cos seús irmáns na praia (1920)
  • Foto familiar da familia Canabal
  • Xesús Canabal cos seu pai e seus irmáns
  • Festa familiar dos Canabal en Carrasco
  • Casa familiar en Amenal (O Pino)
  • Publicidade do negocio (1940)
  • Furgoneta da fábrica IPUSA (decembro 1951)
  • Reunión na camara de comercio republicana 'El Aguila' (12/04/1956)
  • Reunión do Iº Congreso da Emigración Galega en Bos Aires (xullo 1956)
  • Canabal e a súa nai Carmen (1957)
  • Galicia Emigrante - Ano V (decembro 1957 e xaneiro 1958) nº 32
  • Reunión no Banco de Galicia (23/07/1960)
  • Inaguración da Escola Galicia en Montevideo (28/07/1962)
  • Desfile da colectividade galega pola principal avenida de Montevideo
  • Xesús Canabal detrás de Castelao, con Alonso Rios e Pelayo
  • Negocio de papeleria Suevia
  • Reunión da colectividade galega
  • Visita de Indalecio Prieto ao sanatorio Casa de Galicia en Montevideo
  • Voda de Xesús Canabal

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
2702 lecturas