Isidoro Araujo de Lira

Pioneiro da prensa galega en Cuba
Isidoro Araujo de Lira

O nome de Araujo de Lira está asociado ao xornal cubano máis importante de todos os tempos: Diario de la Marina, do cal foi propietario e primeiro director. Araujo foi valedor na Habana dos intereses materiais de comerciantes e facendeiros. Ao longo da súa existencia, alén do pasamento do seu fundador, o Diario de la Marina foi sempre o voceiro dos intereses máis conservadores da sociedade cubana, xa sexa durante a época da colonia, xa sexa durante a Cuba independente. 

Isidoro Araujo de Lira naceu no barrio vigués de Bouzas o 2 de xaneiro de 1816. Fillo de José Araujo Troncoso de Lira e de Luisa Alcalde. Estudou humanidades en Tui. Posteriormente, estudou filosofía e ciencias no mosteiro beneditino de Samos, onde permanece até 1835, ano no que se produce a exclaustración dos frades. Marcha a Madrid, onde compatibilizou os seus estudos cun emprego no Ministerio de Gobernación, trasladándose posteriormente ao Goberno Civil de Salamanca.

Tras quedar cesante, algo bastante común no emprego público do século XIX, decidiu seguir o camiño da emigración, embarcando para Cuba en 1839. A súa primeira ocupación na Habana foi dar leccións en casas particulares e en colexios. Na Habana publicou por entregas a novela Ana Mir (anagrama de Marina) no xornal Noticioso y Lucero en 1840-1841. Neste mesmo xornal publicou algúns artigos críticos que o acreditaron como hábil polemista e que o noso protagonista asinou co pseudónimo de “Lira”, terceiro apelido de seu pai que antepuxo ao segundo dos seus.

O xornal Noticioso y Lucero muda de nome en abril de 1844 pasando a se denominar Diario de la Marina, do cal Araujo de Lira foi copropietario e primeiro director. Este xornal chegaría a se converter no medio máis importante de Cuba, ademais de ser o de máis longa duración (desapareceu en 1960).

Nos anos 1848 e 1853 desempeñou comisións en Madrid, en representación dos facendados e comerciantes da Habana. Araujo de Lira contribuíu tamén á fundación en Madrid do Diario Español en 1854 durante a súa segunda estadía madrileña. En 1855 regresou á Habana, onde publicou unha revista de intereses materiais, destinada a levar en cada correo á Península noticias das necesidades da illa e dos seus comerciantes. Deu ao prelo numerosos folletos e unha importante Memoria sobre o estado político e administrativo de Cuba.

Faleceu na Habana o 6 de maio de 1861 como consecuencia das feridas recibidas nun duelo.

Bibliografía: 

EL ECO DE GALICIA, nº 22, 16/08/1878, p. 2

GALICIA MODERNA, nº 159, 13/05/1888, p. 2 

GALICIA, 5/10/1902, p. 1-2 

FRAGA RODRÍGUEZ, XAN: Emigración e Historia Contemporánea Galiza-Cuba, A Coruña AS-PG, 1994, p. 47

Documentación asociada
Documentación asociada
Xornalistas e duelos107.56 KB
Diario da Mariña765.58 KB

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
1889 lecturas