Bernardo Barreiro de Vázquez

Un activo xornalista liberal na emigración
Bernardo Barreiro de Vázquez

Naceu en Santiago de Compostela o 20 de xaneiro de 1850. Estivo dedicado profesionalmente á pintura decorativa.

Moi cedo comezou a inserir as súas poesías en xornais como "La Estrella Compostelana" e "La Aurora de Galicia". Militante republicano. Logo do triunfo da "Gloriosa" en 1868 fundou e dirixiu en Santiago o periódico "La Revolución". Tras o fracaso da I República en 1873 dedice emigrar á Arxentina. En 1877 regresa a Galicia, recuperando as colaboracións xornalísticas. Así, escribiu en "El Heraldo Gallego" (Ourense), "Diario de Santiago", "Gaceta de Galicia" (Santiago) e "Revista Compostelana".

En 1877 editou en Santiago o libro Efemérides de Galicia, libro que encetaba a súa longa produción historiográfica. Novas persecucións políticas motivaron a súa decisión de volver emigrar á Arxentina. En Bos Aires formou parte da Comisión organizadora do Centro Gallego (1879), encargándose de redactar o regulamento desta entidade. Barreiro ocupou a presidencia da sección de instrución do Centro Gallego.

Foi colaborador do xornal "El Gallego", onde tivo ao seu cargo a sección "Efemérides de Galicia". Colaborou cos xornais de Bos Aires "La Pampa", "La Época" e "El Loro", con "La Unión Gallega" de Montevideo e "El Eco de Galicia" da Habana. En 1879 foi comisionado polo Goberno arxentino para pescudar en arquivos españois as probas que deran a razón á Arxentina nos conflitos territoriais cos seus veciños. As súas investigacións deron como froito a obra Diplomática de la América Meridional. Barreiro xa non retornaría á Arxentina, estabelecéndose en Santiago. Na súa cidade natal foi director da revista "Galicia Diplomática".

O 15 de setembro de 1881 foi nomeado arquiveiro do Concello de Santiago de Compostela, pasando máis tarde a desempeñar igual cargo na Deputación da Coruña. Faleceu na Coruña o 27 de novembro de 1904.

Bibliografía: 

VILANOVA RODRÍGUEZ, ALBERTO: Los gallegos en la Argentina Bos Aires: Ediciones Galicia, 1966, tomo II, p. 874.

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
3052 lecturas