A visión do proxecto segundo os fotógrafos
«Un camiño, 13 olladas» xurdiu como un proxecto de fotografía documental que aos seis fotógrafos participantes lles levou tempo preparar para que o resultado final das imaxes fose o que son: un retrato documental digno de visitar.
O traballo de campo realizado polos fotógrafos do Camiño permite dar a coñecer rincóns de Galicia ata hai pouco apenas coñecidos. Xulio Villarino, un dos fotógrafos galegos que participou neste proxecto, afirma que os estranxeiros que observan as fotografías «non se imaxinan que a nosa cultura sexa tan variada».
Queda patente que a cultura galega vende, e moito. «Existe un intercambio de culturas total, hai unha mestizaxe moi grande, e a xente polo xeral responde moi ben», apunta Xulio Villarino. Dependendo do país no que estivese a mostra, o interese pola fotografía presentaba un aspecto ou outro: «Por exemplo, en Polonia, notábase un maior interese por todos os aspectos da exposición que fosen de carácter relixioso». Con todo, Villarino destaca a positividade que tivo esta mostra itinerante por Europa: «É o traballo de maior envergadura que fixo do Camiño de Santiago. Se reflexan moitos aspectos. Este tipo de fotografía documental é perfecta para iso». E engade: «É unha das mellores maneiras de acercar o Camiño á xente, ao público que non o coñece».
Para Villarino, este traballo de campo «é un dos proxectos documentais máis interesantes e que levan o seu tempo de produción». De feito, a mostra leva percorrendo desde o 2006 diferentes cidades europeas, co cal xa desde o 2004 moitos dos fotógrafos galegos comezaron a preparar o proxecto fotográfico. «O primeiro ano dediqueime a retratar todos os tópicos do camiño ?di Villarino?, o brazo do Apóstolo, a comida típica, etc. Logo, xa no segundo ano centreime na figura do peregrino e todo o que a rodea».
Tino Viz interesouse especialmente polo elemento antropolóxico: «Penso que é o máis importante, é o gancho para vender a diferenza. E iso é o que pretendo mostrar nas miñas fotografías».
Unha colaboración femenina por cada país
Non é casual que en cada cidade onde recalaba a mostra «Un camiño, 13 olladas» se unise unha fotógrafa estranxeira para contrastar a visión galega do camiño. Trátase dun traballo en conxunto, onde cada artista aporta a súa visión do camiño. Para Tino Viz, fotógrafo da exposición que estivo presente na inauguración de Bergen e Praga, o traballo resultante que se aprecia entre as fotografías dos galegos e as das artistas convidadas é moi distinto, xa que «cada un desenvolveu a súa óptica propia para enfocar o camiño dunha maneira».
O fotógrafo Tino Martinez considera os retratos das fotógrafas estranxeiras como algo «literalmente oposto, nin mellor nin peor. É completamente distinto». Viz engade: «Logo cada un desenvolveu a súa óptica propia para enfocar o camiño dunha maneira». No contraste entre as fotografías está a peculiaridade e o interese desta exposición.


