Os emigrantes galegos ven na Rede outra maneira de manter as raíces.

José Luis Tomé, quen viaxou por motivos de traballo a Bos Aires nos anos noventa, relata agora a súa experiencia na cidade porteña. Aínda que el usa asiduamente a Rede para manter o contacto cos seus, móstrase moi escéptico ante a idea de que algún día substituirán por completo os típicos lugares de reunión, como os centros galegos.

Se hai algo que ten moi claro José Luis Tomé é que, agora, os veciños non son só precisamente os que viven na casa do lado. A forma de relacionarse na sociedade actual é allea á tradicional, de corte piramidal, xa que no sistema moderno as relacións sociais nacen na Rede.

E a esta circunstancia hai que saber adaptarse. «Para min non foi moi difícil -explica un galego que leva unha década asentado en Bos Aires- pois polo meu traballo, do que hai un ano me xubilei, mantiña contacto perenne [con Internet]». «Iso si, ademais de manexar os meus correos, as miñas exploracións, as miñas cousas, que o fago bastante ben, creo que estou lonxe doutras variantes valiosas, pero pouco a pouco», comenta.

Cando se lle pregunta polas páxinas web que adoita ver con maior asiduidade, José Luis Tomé sinala que «de Galicia, polo vexo eu e escoito xente, o que máis se ollan son as páxinas dos xornais galegos. É un orgullo que se fagan referencia aos emigrantes».

«Eu teño acceso continuo ao correo electrónico, os meus correos electrónicos é o meu contacto predilecto, xa que iso me permite ter relación coa familia», conta. Internet viuse como unha ferramenta fundamental á hora de evitar a perda de contacto cos seus. A maioría dos seus irmáns, cos que se comunica meditante correo electrónico, residen en Galicia. Dous dos seus fillos, non obstante, viven e traballan en Inglaterra. Non obstante, para manter a relación con todos eles, o correo electrónico é fundamental.

Aínda que manter o contacto mediante a Rede ten moitas vantaxes, José Luis Tomé é moi consciente de que «a maior parte dos vellos emigrantes non saben manexar un ordenador. Os seus fillos e netos son os os que o fan por eles».

Os centros galegos
Aínda que o uso da Rede estea estendido, José Luis Tomé pensa que á hora de manter o contacto entre os propios galegos que residen en Bos Aires, o labor dos centros é prioritario.

«Normalmente, a Xunta de Galicia en Bos Aires está chea de xente. Todos son galegos ou fillos de galegos (os máis abundantes), que acoden a ela xeralmente para pedir axudas, como para facer viaxes a Galicia ou para pedir solicitudes para axudas sociais», narra. «En Bos Aires existen tamén numerosos centros de galegos. Eu vou a algúns e, en xeral, os presentes son persoas de idade, xubilados, coma min,». Para José Luis, eses emigrados teñen en común que «todos botan de menos a súa terra, as súas raíces, pero están tan asentados neste país que, a verdade, élles difícil desexar volver». «Volver, no fondo, é recrear o pasado e, claro, do pasado, non se vive. É a realidade», explica este emigrado.

Pero entón... as redes sociais serán capaces de substituír algún día ás reunións dos emigrantes? Para o coruñés, que na actualidade reside en Bos Aires, José Luis Tomé, «estes centros galegos non deixan de ser interesantes. Aquí hai escolas, bailes, clases de gaitas e actos cos que todo o mundo goza,».

Deste xeito, a clave é que «practicamente todos os galegos que hai son persoas de máis de 60 anos, pois as últimas emigracións aquí foron a mediados dos anos sesenta e, as máis numerosas, tiveron lugar moitos anos antes». El mesmo recoñece que a súa situación é «unha excepción», xa que veu a vivir a Arxentina nos anos noventa. José Luis Tomé móstrase moi escéptico ante admitir que Internet substituirá algún día aos centros galegos «da quinta provincia» ou aos lugares de reunión físicos dos emigrados.

Non obstante, o que si ten claro é que a veciñanza xa non é unha cuestión territorial: o xogo social opera por distancias e proximidades, que xa non se relaciona co espazo xeográfico ou o tempo real. A globalización é un fenómeno que acurta distancias. Agora, a tecnoloxía é capaz de facer que moitas familias de emigrados non perdan o contacto grazas á interacción que ofrecen as pantallas de catorce polgadas.

843 lecturas