O terremoto chileno deixou tras de si 432 falecidos e un total de 2 millóns de damnificados

Despois do terremoto, un forte tsunami, que os expertos consideraron como o segundo máis grave na historia do país e un dos cinco maiores da humanidade, impactou contra as costas de Chile.

Ás 3.30 da mañá do sábado 27 de febreiro de 2010 o sur de Chile estremeceuse durante algo máis de dous minutos e medio.

As zonas máis afectadas polo terremoto foron as rexións chilenas de Valparaíso, a área Metropolitana de Santiago, ou Higgins, La Araucanía, Maule e Biobío, onde vive preto do 80% da poboación do país. Nestas dúas últimas rexións o goberno chileno declarounas «estado de excepción constitucional de catástrofe». O terremoto deixou tras de si 432 falecidos, unhas 500 mil vivendas esnaquizadas e un total de 2 millóns de damnificados na peor traxedia natural vivida en Chile en máis de 40 décadas.

Erros na alerta
A presidenta Michelle Bachelet, na súa primeira aparición pública, descartou a posibilidade de que se producise un tsunami e fixo unha chamada de tranquilidade cara á poboación. Estas declaracións teríaas realizado sobre a base dun erro no diagnóstico da situación por parte da Armada, concretamente do Servizo Hidrográfico e Oceanográfico da Armada de Chile (SHOA). Poucos minutos despois do sismo, unha grande extensión de costa quedou devastada por ondas de enormes dimensións que se internaron varios centos de metros terra dentro arrasando con gran parte das estruturas costeiras.

Este forte tsunami, que os expertos consideraron como o segundo máis grave na historia do país e un dos cinco máis fortes da humanidade, impactou contra as costas chilenas, destruíndo varias localidades xa devastadas polo impacto telúrico. No arquipélago de Juan Fernández, por exemplo, malia non se sentir o sismo, as marusías arrasaron co seu único poboado, San Juan Bautista.

Unhas horas despois da catástrofe, o goberno chileno declinou aceptar nun primeiro momento axuda internacional, aínda que si se agradeceron as mostras de apoio que chegaban dende todas partes do mundo. O 1 de marzo, unha vez confirmada a verdadeira magnitude da traxedia, o embaixador chileno solicitou formalmente en Xenebra a axuda da ONU, o envío de equipos do devandito organismo para a avaliación de danos, así como asistencia para axudar ás vítimas.

496 lecturas