Made in Galicia: as empresas galegas conquistan o mercado exterior

Reportaxe

As empresas galegas expandiron os seus negocios no mercado internacional a través dun programa de accións desenvolvidas polas Cámaras de Comercio galegas dentro do plan de Fomento das Exportacións de Galicia (Foexga), no que tamén participa a Xunta. Nos países latinoamericanos, a colaboración dos emigrantes galegos foi de especial relevancia neste intento de impulsar o comercio exterior na comunidade. Na práctica, os emigrantes convértense en socios locais ou distribuidores das empresa de Galicia noutros países.

Só no segundo semestre deste ano, realizáronse máis de 70 accións de carácter estratéxico, como a participación en feiras e encontros empresariais, ademais de misións comerciais a países emerxentes. Arxentina, México, Brasil e Uruguai son algúns dos destinos destas misións. México, por exemplo, "representa para nós un puntal en canto á colaboración da colonia de emigrantes galegos nas nosas accións no exterior", destacou o director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Gonzalo Ortiz Amor.

Hai aproximadamente un mes, a Cámara realizou no país latinoamericano un desfile de moda galega coa colaboración do centro de emigrantes galegos e do Hospital Español en México. En Brasil tamén se realizaron accións estratéxicas coa axuda de emigrantes que hoxe actúan como empresarios nas áreas de hostalaría e promoción inmobiliaria. Segundo Ortiz, os sectores que se mostraron máis prósperos para as empresas galegas no exterior son de confección téxtil e moda, turismo, inmobiliario e construción.

Ler máis sobre isto...

  • As cámaras de comercio galegas realizaron máis de 70 accións de carácter estratéxico só no segundo semestre deste ano.
  • Ademais das misións, tamén se participou en máis dunha ducia de feiras e visitouse outros sete certames.
  • Un dos países visitados recentemente foi Brasil, onde o turismo e a construción se han mostrados como os sectores máis prósperos para as empresas galegas.
  • Como resultado destas accións incrementouse un 18% as exportacións de Galicia no primeiro semestre.

4077 lecturas