A comunidade galega de Chile busca a todos os emigrantes a través das redes sociais

  • O secretario do Lar Gallego, Francisco Guillermo Bustos Palomino, relata o acontecido na noite do sábado 27 de febreiro, cando foi consciente de «que pequenos somos ante o carácter intempestivo da Terra».

"Non é doado vivir unha experiencia como un terremoto e posterior tsunami (maremoto). Eran as 3.30 da madrugada do sábado 27 de febreiro e sorprendeunos á gran maioría nas nosas casas durmindo, un sismo de tal magnitude e destrución que ten a todo Chile alterado. Os galegos e a comunidade española de Chile viviron esta situación dramática, como todos os habitantes desta longa, angosta e fermosa terra (non contamos con datos de feridos, mortos ou con problemas específicos, só globais a nivel da Autoridade).

Só tres minutos abondaron, que foron interminables e indescritibles, para saber que pequenos somos ante o carácter intempestivo da Terra, que cando quere ocupar o seu espazo non hai nada que a deteña. A forza destrutiva que emanou dende o interior do mar fronte a Cobquecura, Cauquenes, na Oitava Rexión do Maule, deixounos unha mensaxe de tristura e caos. Non se pode dimensionar o dano e temor das persoas ao estar indefensos, ante un fenómeno do que non se ten control ningún, nin menos o cando, como e por que.

Despois deste desastre da natureza, o país encóntrase sumido no que representa manexar unha traxedia destas proporcións. Este sismo afectou ás Rexións de Santiago (Metropolitana); Valparaíso; Liberador Bernardo O Higgins (Rancagua); Maule (Talca); BioBío (Concepción) e La Araucanía (Temuco), sendo as máis afectados Maule e BioBio (con 8,8 graos Richter e ondas de gran tamaño), respectivamente.

En Santiago hai danos en diferentes lugares e de todo tipo, ao igual que en Valparaíso e nos seus arredores. Na medida que se avanza cara ao sur, polo sector da costa, entre o límite de Valparaíso e Rancagua, o prexuízo vai aumentando en intensidade, especialmente nos poboados agrícolas ou caletas de pescadores ou de menores recursos e calidade da construción. Esta traxedia natural é a peor nos últimos 50 anos e os 8,5 graos Richter en Santiago, indícannos, que foi a catástrofe máis importante durante estes tempos. O terremoto do sábado é considerado un dos que maior impacto e desastre causou na comunidade, sendo o quinto a nivel mundial (á data levamos cuantificados 2.000.000 de damnificados e máis de 740 mortos, cifra preliminar do Goberno).

Houbo cortes de luz, rúas, camiños, autoestradas e desprazamento de pontes, acompañado de escaseza de auga, alimentos, combustible e de servizos básicos.

Naqueles lugares próximos á zona do epicentro, Curicó, Talca, Liñares, Iloca, Peyuhue, Constitución, Cauquenes, Concepción, Talcahuano, Tomé, Barbada, Dichato e outras comunas ou cidades estremeiras, nas rexións do Maule e BioBío, todo foi maior, dado que se deron as dúas condicións de -sismo e maremoto- e por certo a escaseza é notoria, respecto a outros lugares.

O goberno central e rexional, encóntranse traballando nas distintas instancias e niveis, que a lexislación nacional permite para estas catástrofes. Suspendeuse o Festival da Canción de Viña do Mar, os actos culturais, recitais, deportivos e eventos masivos, ata novo aviso da autoridade competente, segundo o Ministerio do Interior e facultouse toque de queda na Rexións do Maule e Biobío, para evitar desmandos e saqueos. Na Colectividade Galega, ata a data non coñecemos persoas falecidas, nin en situación de gravidade extrema produto do terremoto e maremoto, si con danos de casas, departamentos, negocios e murallas divisorias (algúns con máis danos que outros).

Escenas cotiás
No aspecto persoal e como familia nos vimos afectados por fisuras nas murallas, nos ceos dos teitos dos cuartos e trizaduras de cornixa no teito da casa, pero todo solucionable. Tamén, tratamos de comunicarnos con galegos avecindados en Santiago e só puidemos ter noticias dalgúns deles, que afortunadamente están sen problemas, o que non quere dicir, que existan outros que si os teñan.

Respecto á comunidade galega de Valparaíso, comunicámonos con Don Sergio Pinto e de acordo á súa información non terían membros do colectivo con dificultades, como as vistas nos noticieros de televisión, nin similares. En provincias hai galegos, pero en menor cantidade e nas zonas máis afectadas polo sismo é reducida a súa presenza. Estamos a utilizar as redes sociais da mellor forma para estar decatado dos acontecementos, novidades e noticias de interese para os galegos e a comunidade en xeral.

Finalmente, cremos que ninguén está preparado para un suceso destas características. Estes son os momentos en que debemos estar unidos, ser solidarios e compartir cos que requiren de axuda.

A reconstrución, comezou a operar co novo goberno, apenas fixéronse cargo deste e non é doado para ninguén, tomar un país nestas condicións, xa que, o que non ocurió co terremoto o maremoto o devastou, especialmente no bordo costeiro.

O futuro
Chile é un país estructurado e con normas para todo (pode que sexa lento nalgunhas cousas, como en procedementos e leis). O país e a xente esperan que os que conducen Chile, o Goberno, as Autoridades, os diferentes partidos políticos e os seus representantes, etc. se poñan a traballar duro e sen descanso. Non palabras, acción. Tamén se xeran expectativas no novo Presidente da República e do seu Goberno (está claro que o país require da colaboración da súa xente, do espectro político, doutros países, de organismos internacionais, dos medios de comunicación). En fin, todos somos necesarios".

742 lecturas