A Xunta salienta o papel dos Premios Alecrín na divulgación da galeguidade e no reforzo dos lazos coa colectividade galega en Cataluña

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou no acto de entrega dos Premios Alecrín, impulsados pola Federación de Entidades Galegas de Cataluña, Fegalcat.

José González felicita ás persoas e entidades recoñecidas, vinculadas a ámbitos como a música, as artes, a innovación, a comunicación, a promoción da lingua e da cultura, o deporte, a gastronomía ou a emigración.

Recoñece o labor de Fegalcat, unha entidade fundada en 1987 para promover a cultura galega en Cataluña e que organiza distintas actividades culturais ao longo do ano, entre elas os Premios Alecrín, que xa contan con máis de 15 anos de traxectoria.

Destaca o apoio autonómico ás diferentes entidades galegas de España e do mundo como Fegalcat, que co seu labor contribúen a difundir a idiosincrasia galega.

O secretario xeral da Lingua celebra a elección este ano de Portas, en recoñecemento ao ilustre veciño Domingo Fontán, autor da ‘Carta Xeométrica de Galicia’.

Listen to this page using ReadSpeaker
Portas (Pontevedra), 12 de agosto de 2026.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou hoxe o valor de iniciativas como os Premios Alecrín na difusión da cultura e tradicións galegas e no reforzo dos lazos coa colectividade galega en Cataluña. Así o sinalou no acto de entrega destes recoñecementos, impulsados pola Federación de Entidades Galegas de Cataluña (Fegalcat) e que poñen en valor a traxectoria de persoas e entidades de diferentes ámbitos a prol da idiosincrasia galega.

Nesta cita -celebrada no auditorio da antiga azucreira de Portas e na que tamén participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García- o conselleiro felicitou as persoas e entidades premiadas, vinculadas a ámbitos como a música, as artes, a innovación, a comunicación, a promoción da lingua e da cultura, o deporte, a gastronomía ou a emigración. Ademais, destacou o seu papel como embaixadores de Galicia nos seus respectivos campos. En concreto, o conselleiro foi o encargado de entregar o premio Alecrín na categoría de deporte, que recaeu no presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán.

José González tamén recoñeceu o labor de Fegalcat, unha entidade fundada en 1987 para promover a cultura galega en Cataluña e que impulsa distintas actividades culturais ao longo do ano, entre elas estes premios, que xa contan con máis de 15 anos de traxectoria. Neste sentido, salientou a débeda de Galicia coa colectividade galega do exterior e trasladou o apoio da Xunta ás iniciativas das entidades galegas como Fegalcat.

Lembrou tamén o compromiso do Executivo autonómico con aquelas persoas que desexen retornar a Galicia, a través de varias medidas de apoio ao emprego, ao emprendemento e de acceso a vivenda enmarcadas na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026.

Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, celebrou a elección, para a edición deste ano, do municipio pontevedrés de Portas, por ser o concello do “ilustre veciño” Domingo Fontán, “sabio, matemático, científico, político e filósofo, soterrado no Panteón dos Galegos Ilustres, quen dedicou 17 anos da súa vida á elaboración da Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa cartográfico realizado en España con rigor científico ao basearse en medicións matemáticas”, salientou.

15 lecturas