O conselleiro de Cultura e Educación clausurou no mosteiro de Celanova a entrega dos premios Alecrín da Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña

Vázquez Abad destacou que as e os premiados “representan moitas das grandes liñas de traballo e intereses da produción cultural acometida en clave galega durante as últimas décadas”.

A Consellería de Cultura e Educación colabora cos premios Alecrín da Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña.

  • Na imaxe, Xesús Vázquez Abad co premiado humorista e dramaturgo galego Moncho Borrajo
    Na imaxe, Xesús Vázquez Abad co premiado humorista e dramaturgo galego Moncho Borrajo
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nun momento da súa intervención
    O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nun momento da súa intervención
Listen to this page using ReadSpeaker
Celanova (Ourense), 12 de agosto de 2014.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Celanova, José Luís Ferro; e o presidente da Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña, Manoel Carrete, participou na entrega dos premios Alecrín 2014 a Moncho Borrajo, Manuel Outumuro, Xosé Luís Franco Grande, á Banda Municipal de Música de Celanova e á Fundación Curros Enríquez. No mesmo acto o Centro Galego de Barcelona fíxolle entrega a Margarita Ledo Andión da Medalla de Ouro da institución. Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, colabora cos premios Alecrín da FEGALCAT.

O lugar escollido este ano pola FEGALCAT para a celebración do encontro foi o Mosteiro de San Salvador de Celanova, “un enclave magnífico -en palabras do conselleiro- para recoñecer o traballo que a prol da promoción e difusión da cultura galega, dentro e fóra da nosa terra, teñen feito catro persoeiros e dúas institucións de nós”.

O conselleiro gabou na súa intervención ao conxunto de profesionais, artistas e institucións que foron premiadas e premiados na gala, xa que “ademais de representarse a si mesmos, representan moitas das grandes liñas de traballo e intereses da produción cultural acometida en clave galega durante as últimas décadas”.

Vázquez Abad subliñou que a cultura define a nosa humanidade, constituíndo a base social dos pobos e inducindo ao desenvolvemento e á cohesión. “A cultura galega define a nosa humanidade esencial e concreta, fai país e, o que resulta máis importante, fai persoas”, afirmou o titular de Cultura e Educación.

Rematou a súa intervención agradecendo “o labor de cada unha das institucións que forman parte da FEGALCAT”, ao tempo que destacou nas e nos premiados “o feito de ser un referente para os galegos e as galegas que residen fóra da Galicia territorial”, dixo o conselleiro.

As e os premiados
O Alecrín nas artes escénicas foi para o afamado humorista e dramaturgo galego Moncho Borrajo, fillo predilecto da localidade ourensá de Baños de Molgas. Da súa produción en lingua galega cabe salientar títulos como Animaliños (debuxos); Toño ( narrativa breve); Meu querido padre Ramón (novela); ou Fixen Camiños (poesía).

No apartado das artes plásticas o galardoado foi o fotógrafo de moda ourensán, Manuel Outumuro. Entre os seus últimos proxectos, cabe destacar o ser comisionado polo Ministerio de Cultura e a Fundación Balenciaga para fotografar os traxes históricos do novo museo do modisto ou a exposición no ano 2013, dentro da bienal “Fashion and Style in Photography”, na mítica sala Central Exhibitions Hall Manege en San Petersburgo.

Na sección de letras o premiado foi Xosé Luís Franco Grande, cuxa obra literaria abrangue todos os campos, e na que destacan títulos como Vieiro Choído (1957); Entre o si e o non (1967); Dicionario Galego Castelán (1968); Obra completa de Leiras Pulpeiro (1970); Vocabulario Galego Castelán (1972) ou Os anos escuros: A resistencia cultural dunha xeración (2004). Polo seu meritorio labor foi nomeado académico numerario da Real Academia Galega.

No eido da música a distinción foi para a Banda Municipal de Música de Celanova. Trátase dunha das agrupacións máis antigas de Galicia e foi galardoada con numerosos premios, destacando os acadados en certames musicais tan prestixiosos como os que se celebran en Ribadavia, Lugo, Ourense e Oviedo. O encargado de recoller o premio foi José Zaldo, director da Banda Municipal.

O derradeiro dos alecríns recaeu na Fundación Curros Enríquez, que promove e difunde o coñecemento tanto da obra de Manuel Curros Enríquez, como das e dos outros escritores relacionados con Celanova. Dende a Fundación Curros Enríquez responsabilízanse da xestión da Casa dos Poetas, ademais de ocuparse de compilar material documental, organizar campañas informativas e levar a cabo actividades relacionadas co mundo da literatura galega e co tempo literario no que se moveron os poetas celanoveses. Antonio Piñeiro, secretario da devandita institución, subiu a recoller a distinción en nome da entidade.

A medalla de ouro que concede o Centro Galego de Barcelona foi para a xornalista, escritora e cineasta galega Margarita Ledo Andión. Esta catedrática de comunicación audiovisual da Universidade de Santiago (USC), tamén está a fronte do Observatorio do Audiovisual Galego.

No ano 2004 dirixiu a súa primeira longametraxe documental, Santa Liberdade. No ano 2008 resultou seleccionada para ser membro da Real Academia Galega, e en maio dese mesmo ano recibiu o Premio Nacional de Cine e Audiovisual, correspondente ós Premios Nacionais da Cultura. Ademais, conta cunha longa traxectoria de obra escrita en galego entre os que destacan en poesía Linguas mortas: serial radiofónico, Mamá-fé en narrativa, O serrote do Gil, en literatura infantil-xuvenil, ou Prensa e galeguismo en ensaio.

927 lecturas