A Xunta reforza os lazos coas empresas galegas asentadas en Florida e destaca o seu papel como embaixadoras do espírito emprendedor galego

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou nun encontro coa colectividade residente en Miami.

José González iniciou a súa primeira visita institucional ao país norteamericano cun encontro con representantes da comunidade galega asentada en Miami para reforzar vínculos e difundir as oportunidades de retorno.

Destacou o papel esencial dos galegos e galegas no exterior na construción da Galicia próspera de hoxe e fixo un recoñecemento especial ao labor das entidades, subliñando a súa contribución á preservación da lingua, da música e das tradicións.

Así mesmo, puxo en valor a actividade da comunidade empresarial galega nesta cidade, xerando riqueza e emprego e contribuíndo ao desenvolvemento económico dos EEUU sen esquecer as súas raíces.

O 26 e 27 de setembro continuará as visitas en Newark e Nova York con distintas reunións con entidades galegas presentes nestas cidades.

Esta viaxe responde á necesidade de manter o contacto cos galegos do exterior e insírese tamén no desenvolvemento da Estratexia Galicia Retorna, tendendo pontes con EEUU e promovendo a imaxe de Galicia como terra de oportunidades.

  • A Xunta reforza os lazos coas empresas galegas asentadas en Florida e destaca o seu papel como embaixadoras do espírito emprendedor galego
    A Xunta reforza os lazos coas empresas galegas asentadas en Florida e destaca o seu papel como embaixadoras do espírito emprendedor galego
  • A Xunta reforza os lazos coas empresas galegas asentadas en Florida e destaca o seu papel como embaixadoras do espírito emprendedor galego
    A Xunta reforza os lazos coas empresas galegas asentadas en Florida e destaca o seu papel como embaixadoras do espírito emprendedor galego
  • A Xunta reforza os lazos coas empresas galegas asentadas en Florida e destaca o seu papel como embaixadoras do espírito emprendedor galego
    A Xunta reforza os lazos coas empresas galegas asentadas en Florida e destaca o seu papel como embaixadoras do espírito emprendedor galego
Listen to this page using ReadSpeaker
Miami (Estados Unidos), 25 de setembro de 2025.

No marco da súa primeira viaxe institucional aos Estados Unidos, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou en Miami nun encontro con membros da colectividade e empresas galegas asentadas nesta cidade. O obxectivo da reunión foi coñecer de primeira man as demandas e propostas da comunidade residente no país e presentar as diferentes oportunidades de retorno e investimento que Galicia ofrece na actualidade.

Durante a xuntanza —na que tamén estiveron presentes a presidenta da Cámara de Comercio de España nos Estados Unidos e xerente xeral de Abanca en EEUU, Mónica Vázquez, e a cónsul xeral de España en Miami, Belén Alfaro—, o conselleiro destacou a importancia deste tipo de encontros para estreitar lazos comerciais e fortalecer as relacións económicas e sociais que unen a comunidade galega cos Estados Unidos. Nese sentido, puxo en valor o papel da comunidade empresarial galega en Miami, á que definiu como os mellores embaixadores da marca Galicia e un claro exemplo do carácter emprendedor da nosa terra, xerando valor e emprego e contribuíndo ao desenvolvemento económico estadounidense sen esquecer as súas raíces.

Así mesmo, José González subliñou o papel esencial da diáspora na construción da Galicia próspera de hoxe e fixo un recoñecemento especial ao labor das entidades galegas, destacando a súa contribución á preservación da lingua, da música, da danza e das tradicións galegas mediante actividades, conmemoracións e iniciativas culturais. Todo isto, sinalou, demostra que a galeguidade continúa viva tamén fóra das nosas fronteiras.

Estratexia Galicia Retorna

O conselleiro tamén salientou que Galicia, ademais de apoiar a expansión dos negocios galegos no exterior e a súa internacionalización, é hoxe unha terra de oportunidades, aberta á volta da súa cidadanía no exterior para desenvolver proxectos vitais e profesionais, tanto por conta propia como allea.

Neste senso, Indicou que a Xunta pon á disposición das persoas que decidan regresar instrumentos de apoio que facilitan un proceso de retorno ordenado e acompañado referíndose ao cento de medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, dotada con 450 millóns de euros ata 2026.

Encontros en Newark e Nova York

A axenda institucional continuará mañá e pasado en Newark e Nova York. En concreto, mañá o conselleiro visitará o Centro Ourensán de Newark, en Nova Jersey, onde manterá un encontro cos seus representantes, e tamén se achegará ao Club España da cidade.

Ademais, o 27 de setembro José González reunirase en Nova York coas directivas das entidades galegas e españolas dos estados de Nova York e Nova Jersey e participará no acto conmemorativo do 85.º aniversario da Casa de Galicia de Nova York, fundada en 1940 para preservar e promover a cultura e as tradicións galegas nesta zona e servir de punto de encontro para xeracións de galegas, galegos e os seus descendentes.

279 lecturas