A Xunta enxalza no 85 aniversario da Casa de Galicia de Nova York o labor desta entidade en prol da conservación e difusión da galeguidade nos EEUU
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou no acto de conmemoración do 85 aniversario da Casa de Galicia de Nova York.
José González salientou o papel referente deste centro, que conta con arredor dun milleiro de persoas socias, no acompañamento á comunidade galega nos Estados Unidos, onde residen máis de 24.000 persoas.
Destacou o apoio do Goberno galego á promoción que realiza esta entidade nas escolas de baile e música tradicional de Galicia con iniciativas como Escolas Abertas, co que os profesores de centros do exterior reciben formación especializada.
Ademais, antes desde acto, o conselleiro reuniuse coas directivas das entidades galegas e españolas dos estados de Nova York e Nova Jersey para coñecer de primeira man as súas necesidades e trasladarlle o apoio do Goberno galego.
Esta viaxe enmárcase na necesidade de seguir tendendo pontes coas persoas galegas do exterior e no desenvolvemento da Estratexia Galicia Retorna, promovendo a imaxe de Galicia como terra de oportunidades.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, enxalzou o labor da Casa de Galicia de Nova York en prol da conservación da cultura e tradición galegas nesta cidade e a contribución de arredor do milleiro de persoas socias desta entidade. Así o destacou durante o acto de conmemoración do 85 aniversario deste centro referente neste eido nos Estados Unidos, onde residen máis de 24.000 galegas e galegos.
Neste sentido, o conselleiro puxo de relevo a variedade de actividades e celebracións culturais que promove Casa de Galicia de Nova York. Entre elas, destacou as escolas de baile tradicional galego e música -pandeireta, gaita e tambor-. Unhas actividades, subliñou, que contan co apoio da Xunta de Galicia a través de accións como o programa Escolas Abertas, co que os profesores de entidades do exterior de materias como baile tradicional galego, canto popular, pandeireta, confección de traxe tradicional, gaita e percusión, recibiron formación especializada en Galicia e coa que se levan formado máis de 2.000 persoas.
Deste xeito, expuxo, poténciase o labor dos centros galegos para que as novas xeracións continúen difundindo a cultura e tradición galegas e salientou o papel vital destas entidades no desenvolvemento socioeconómico de Galicia.
Tamén puxo de relevo a figura de Castelao como persoa que inspirou a creación da Casa de Galicia de Nova York no ano 1940 para manter unida á comunidade galega nesta cidade. Este traballo conxunto, subliñou, é o que garante o futuro para manter viva a galeguidade máis alá das fronteiras de Galicia.
Peche da visita aos EEUU.
Antes da celebración deste acto na Casa de Galicia de Nova York, José González reuniuse coas directivas das entidades galegas e españolas dos estados de Nova York e Nova Jersey para coñecer de primeira man as súas necesidades e trasladarlle o apoio da Xunta.
Este acto é o broche final da visita institucional realizada esta semana polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración aos Estados Unidos, que incluíu xuntanzas en Miami con persoas da colectividade galega e de empresas galegas radicadas en EEUU e en Newark e Nova York con entidades da diáspora galega presentes nestas cidades. Enmárcase na necesidade de manter o contacto cos galegos do exterior e tamén no desenvolvemento da Estratexia Galicia Retorna, tendendo pontes con EEUU e promovendo a imaxe de Galicia como terra de oportunidades.
Novas relacionadas
 
             
           
               
  		    




