A Xunta reforza o seu compromiso coa competitividade e coa remuda xeracional dos negocios para afianzar a xeración de riqueza e emprego en Galicia

O Consello do Goberno galego aprobou unha convocatoria novidosa por 1,5 millóns de euros para impulsar o traspaso de negocios e garantir a súa permanencia no tecido produtivo galego, no marco do Plan de remuda da Rede de polos de emprendemento.

O Bono Remuda primará especialmente as transmisións no rural e, dentro destas, que sexan retornados ou estranxeiros quen se fagan cargo das empresas que pechan por xubilación ou causas sobrevidas, co gallo de fixar poboación.
 

Tamén se deu hoxe o visto e prace ao convenio entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Federación Galega de Comercio por un importe total este ano de 690.000 euros para avanzar na innovación, dixitalización e dinamización do comercio.

Prevé consolidar unha oficina de asesoramento e formación para o mantemento dos comercios, o impulso de ferramentas como o E-Tícket Dixital e a Plataforma Ecommerce Online e diferentes iniciativas de dinamización e reactivación do consumo.

Trátase de actuacións estratéxicas para a Xunta co gallo de asegurar o mantemento dos negocios como vertebradores do territorio, que se complementarán con análises comarcais para determinar que actividades son imprescindibles en cada contorna. 

Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe en Santiago de Compostela
Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2024.

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Bono Remuda, unha convocatoria novidosa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que sairá publicada nos próximos días cun orzamento de 1,5 millóns de euros para fomentar o traspaso de negocios e garantir a súa permanencia no seo do tecido produtivo galego. A orde de axudas enmárcase no Plan de remuda que está a funcionar ao abeiro da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que ten 13 centros activos e ao que se levan adherido máis dun cento de empresas para buscar novas persoas que se poñan á fronte. 

Así mesmo, o Goberno galego deulle hoxe o visto e prace á sinatura dun convenio coa Federación Galega de Comercio que -cun orzamento global de 690.000 euros- permitirá avanzar en comercios polo miúdo especializados, de calidade, fortalecidos e modernos, que promovan o consumo responsable cunha actividade sostible, co gallo de garantir a súa competitividade e remuda xeracional. 

Trátase así de actuacións estratéxicas para o Goberno autonómico no marco do obxectivo de asegurar o mantemento dos negocios como vertebradores do territorio, fundamentais para a xeración de riqueza e emprego e para a fixación de poboación na Galicia non urbana. 

Bono Remuda
A orde de axudas que se publicará proximamente ten por obxecto evitar o peche de negocios por falta de remuda, ao tempo que se facilita que as persoas interesadas en emprender poidan recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente. Recóllese que os negocios obxecto de remuda deben ter o domicilio social e fiscal en Galicia e estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento. Unha bolsa á cal se sumaron desde febreiro, cando se puxo en marcha, máis dun cento de empresas, máis da metade delas por xubilación e máis dun terzo das que teñen o proceso de traspaso activo pertencentes ao sector do comercio. 

A remuda debe ser por xubilación ou próxima xubilación do titular do negocio. Tamén por causas sobrevidas como incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou falecemento, e deben terse producido entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2024. 

O Bono Remuda conta con dúas liñas de axuda. Á liña 1-Bono remuda rural, para negocios situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, destínase 1 millón de euros e fíxase un 75 % de porcentaxe de subvención respecto do prezo estipulado no contrato de remuda. Mentres, a liña 2-Bono remuda xeral, para municipios de 5.000 habitantes ou máis, conta con medio millón de orzamento e a porcentaxe de subvención será do 70 %. Se se trata de remuda mediante alugueiro do local e/ou medios produtivos, o importe da achega será o correspondente aos primeiros 18 meses de alugueiro. 

No caso do Bono remuda rural, a axuda subirá un 10 % cando a persoa que adquire o negocio sexa emigrante retornada, estranxeira ou empadroada no concello onde está a actividade que se traspasa. Ademais, nas dúas liñas haberá un 5 % de aumento se quen se fai cargo é muller, menor de 30 anos, con 52 anos ou máis ou se o negocio traspasado ten máis de 5 traballadores. En total, a contía máxima subvencionable será de 30.000 euros. 

As persoas solicitantes deben presentar un plan de negocio cun informe de valoración no que poden ser asesoradas polo persoal técnico dos Polos de emprendemento, dispoñible tamén para asegurar a boa marcha das transmisións de negocios, a maiores da páxina web dispoñible tanto para quen queira transmitir a súa empresa como para quen queira acceder a negocios en traslado (https://polosemprendemento.gal/remudade-negocios). 

Convenio coa Federación Galega de Comercio 
O convenio entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Federación Galega de Comercio busca avanzar na innovación, dixitalización e dinamización do comercio. En primeiro lugar, consolidarase unha oficina de orientación, asesoramento e información ao comercio galego e de formación no asociacionismo, prestando especial atención ao emprendemento, cualificación e mantemento da actividade. 

Así, reforzarase a dispoñibilidade de persoal cualificado para resolver dúbidas das persoas comerciantes, asesorar sobre medidas que adoptar e sobre programas ou axudas. O servizo de asesoramento é así integral, permanente e actualizado, con todas as novidades e pasos que poidan afectar o sector. Traducirase en canles de comunicación como unha liña telefónica gratuíta (900 103 087) ao dispor de todos os comerciantes galegos. 

Cunha segunda liña de colaboración asegurarase tamén o mantemento da Plataforma Dixital Centralizada E-tícket, dirixida a axilizar e mellorar a relación e o contacto coa clientela mediante a substitución do tícket tradicional en papel por un sistema dixital, moderno, fiable e eficaz, ademais de máis sustentable. 

Así mesmo, afianzarase a Plataforma de Ecommerce Online Comercio Galicia de venda polo miúdo, para avanzar na expansión dixital dos negocios impulsando a súa venda física e, especialmente, a efectuada a través da internet. Trátase dunha plataforma de venda online autoxestionable polos comercios que dá visibilidade aos seus produtos fóra das zonas de acción tradicionais sen incorrer en elevados custos de xestión ou mantemento. 

A terceira das liñas de colaboración suporá a posta en marcha da campaña Días Azuis, dirixida principalmente a incrementar as vendas no comercio polo miúdo. A acción, que se desenvolverá a nivel galego, terá como obxectivo visibilizar e crear relacións de afinidade co comercio de proximidade, posicionando a súa imaxe, as súas vantaxes e características xeradoras de confianza, ao mesmo tempo que se persegue incentivar e reactivar o consumo. 

Por outra banda, xa na cuarta e última liña do convenio, promoveranse campañas de dinamización do comercio de proximidade e de estímulo da demanda e do consumo a nivel provincial, alentando a participacion de federacións e asociacións do sector. O número de campañas por provincia ascenderá a dúas, abranguendo as principais localidades comerciais en cada caso, co obxecto de reactivar a economía local mediante as compras no pequeno comercio e estreitando vínculos entre persoas comerciantes e consumidoras. 

Estas campañas de dinamización combinarán premios atractivos, mecanismos sinxelos de participación e unha estratexia efectiva de promoción. Así, prevese o sorteo de ata 50 tarxetas agasallo de 200 euros entre consumidores que merquen en comercios locais e acrediten a súa compra nunha plataforma web desenvolvida para o efecto. Tamén un sorteo extra dunha tarxeta por importe de 1.000 euros nunha gala do comercio entre as 50 persoas consumidoras xa premiadas nos sorteos previos e que asistan ao evento. 

Este premio de 1.000 euros deberá utilizarse e gastarse ao día seguinte e nunha soa xornada no comercio local asociado que participe na campaña de promoción. Os outros premios de tarxetas de 200 euros tamén deberán gastarse en comercios locais da provincia e participantes na campaña, no prazo que se estipule en cada caso. 

Apoio ao mantemento do tecido produtivo galego 
Ambas medidas referendadas polo Consello da Xunta de hoxe intégranse no compromiso firme da Xunta de Galicia polo mantemento dos negocios no conxunto do territorio galego, para afianzar o crecemento económico mediante a xeración de riqueza e emprego ao tempo que se fixa poboación. 

Nesa liña, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración porá en marcha unha análise de ámbito comarcal para determinar que negocios se requiren en cada contorna. Neste proxecto incluiranse tanto novos negocios como aqueles que, sendo rendibles, teñen previsto pechar por falta de remuda, prestando especial atención ao comercio. Atenderase sobre todo ás vilas cabeceiras de cada unha desas bisbarras.

460 lecturas