A Xunta consolida a aposta polo talento e experiencia dos emprendedores retornados cunha nova achega de 1 M€ para apoiar máis de 100 proxectos co foco no rural

O Consello da Xunta analizou hoxe o informe da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración co balance da última década desta liña de axudas, orientada a fomentar o autoemprego como vía de retorno dos galegos do exterior.

O programa leva destinados 5,4 M€ ao apoio de 810 emprendedores espallados por 200 concellos, o 70 % con experiencia no seu sector e no eido do investimento, o que amosa o potencial da medida para sumar capacidades e valor engadido ao mercado.

A convocatoria de 2025, cun orzamento que se poderá reforzar segundo as solicitudes, publicarase este xoves 30 no DOG e recolle achegas de entre 6.000 e 10.000 €, con incentivos para as mulleres ou a localización en concellos rurais.

O impacto máis recente indica unha mobilización media de máis de 53.000 euros por proxecto no primeiro ano de actividade, consolidándose como un instrumento clave para dinamizar a economía e impulsar o emprendemento ligado ao territorio.

A medida encádrase no marco da Estratexia Galicia Retorna, unha planificación dotada de 450 M€ ata 2026 na que tamén se engloban accións como as bolsas BEME ou o programa Retorna Cualifica Emprego, ambas abertas actualmente.

A Xunta consolida a aposta polo talento e experiencia dos emprendedores retornados cunha nova achega de 1 M€ para apoiar máis de 100 proxectos co foco no rural
A Xunta consolida a aposta polo talento e experiencia dos emprendedores retornados cunha nova achega de 1 M€ para apoiar máis de 100 proxectos co foco no rural
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 27 de xaneiro de 2025.

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración co balance de resultados acadados pola liña de axudas ao Retorno Emprendedor desde a súa posta en marcha en 2013, avanzando que este xoves o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a convocatoria correspondente a este ano, cun orzamento de 1 M€ —que se poderá reforzar segundo a demanda— e apoios de entre 6.000 e 10.000 euros para fomentar o autoemprego como unha vía de retorno dos galegos e galegas residentes no exterior.

Encadrado no paquete de medidas da Estratexia Galicia Retorna —unha planificación dotada con 450 M€ ata 2026 para promover o regreso duns 30.000 galegos— o programa xa destinou ata o momento 5,4 M€ para apoiar a un total de 810 persoas emprendedoras que regresaron para sumarse ao tecido produtivo da Comunidade a través da posta en marcha dos seus propios proxectos en arredor de 200 concellos, destacando a súa diversidade e innovación en campos como a hostalaría, o comercio, a Industria 4.0, a enxeñaría, a fabricación ou o deseño.

Segundo os datos analizados hoxe, cómpre sinalar o impacto económico xerado por esta medida, cunha mobilización media de de 53.722,66 euros por iniciativa no primeiro ano de actividade, consolidándose así como un instrumento clave para dinamizar a economía galega, atraer talento cualificado e impulsar o emprendemento. Así —e atendendo ao perfil dos beneficiarios— o informe avaliado no Consello reflicte que un 45 % ten estudos universitarios e máis do 70 % conta con experiencia tanto no sector no que emprende como no eido do investimento, o que amosa o potencial desta medida para sumar novas capacidades e valor engadido ao tecido produtivo, promover a innovación fortalecer o ecosistema empresarial e xerar un impacto positivo no desenvolvemento do territorio.

Deste xeito, o Programa Retorno Emprendedor complementa, a través da atracción de talento exterior, o esforzo global ao emprendemento que está a impulsar o Executivo autonómico—ao que se destinarán 32M€ este ano– e en cuxa estratexia é clave o papel da rede de Rede de polos de emprendemento, que conta con 15 localizacións activas en toda Galicia e a través das que estes emprendedores retornados tamén poden acceder a titorizacións e asesoramento personalizado.

Convocatoria 2025 e balance Retorno Emprendedor

A nova orde –que se publicará este xoves 30 no DOG baixo o réxime de concorrencia non competitiva— contará cun orzamento inicial de 1 M€. As axudas, cunha contía base de 6.000 euros, poderán incrementarse no caso de que o solicitante sexa muller ou se a localización da actividade é nunha zona rural, podendo así chegar a un máximo de 10.000 euros. Poden ser beneficiarias persoas nacidas en Galicia ou descendentes retornadas desde o estranxeiro a partir do 1 de xaneiro de 2023. Ademais, é preciso que figuren no réxime especial de autónomos e teñan residencia e domicilio fiscal en Galicia.

A nova convocatoria busca reforzar os resultados acadados durante a última década, na que se teñen recibido solicitudes procedentes de medio cento de países dos cinco continentes, entre os que sobresaen Venezuela, O Reino Unido, A Arxentina, Suíza, México ou O Brasil. As axudas outorgadas —que no último ano acadaron unha media de 8.000 € por beneficiario— foron complementadas polos servizos de mentoría ofrecidos a través do Programa Merlo e das propias oficinas da Rede de polos, reforzando así o acompañamento permanente para garantir o éxito das iniciativas, máis da metade orientadas ao consumidor final, respondendo así ás necesidades do mercado local.

Só no último ano, resolvéronse favorablemente 150 solicitudes de 29 países, cun importe total de 1,2 M€ —tras unha ampliación orzamentaria do 25 % para atender todas as solicitudes— destinados a apoiar novos proxectos emprendedores en 54 concellos, o 85 % deles en áreas rurais. Esta cifra marca un récord histórico en termos de beneficiarios nunha única convocatoria na que, ademais, se consolida a progresiva feminización do emprendemento, acadando a paridade por xénero.

Estratexia Galicia Retorna

Galicia é unha rexión pioneira a prol das políticas de retorno, impulsando medidas tanto no eido da conta propia como allea para facer fronte ao reto demográfico e responder a desafíos estruturais como a cobertura de vacantes e a remuda xeracional. Así, no marco da Estratexia Galicia Retorna, a Xunta tamén ten en marcha outras accións, como a atracción de perfís altamente cualificados a través das Bolsas BEME —cuxa 9ª convocatoria se pode solicitar ata o vindeiro 30 de abril— que permiten á mocidade do exterior completar a súa formación académica en Galicia para posteriormente inserirse no mercado laboral ou valorar o emprendemento. Na folla de ruta, tamén destaca o Programa Retorna Cualifica Emprego, tamén coa segunda edición en marcha cun orzamento de 2,3 millóns de euros co obxectivo de beneficiar uns 200 residentes no exterior menores de 55 anos deica finais de 2025. Así mesmo, ofrécense axudas extraordinarias para establecerse en Galicia, das que xa se beneficiaron 4.500 familias cun orzamento global de 13 millóns de euros.

455 lecturas