A Xunta publica no DOG unha convocatoria de axudas para proxectos de acción humanitaria no exterior
Están destinadas ás organizacións non gobernamentais e agrupacións de entidades e contan cun orzamento de 300.000 euros.
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica na edición do Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior ao longo do ano 2012. Poderán optar a estas subvencións as organizacións non gobernamentais e agrupacións de entidades que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria.
Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés) aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises -provocadas por seres humanos ou por desastres naturais-, así como previr e reforzar a capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.
A orde conta cunha dotación orzamentaria de 300.000 euros, sen prexuízo de que despois se poida ver incrementada con achegas posteriores, en función das dispoñibilidades orzamentarias. Poderase financiar ata un 95% do orzamento total do proxecto, sempre que a subvención concedida non supere os 70.000 euros.
Este instrumento atópase en consonancia cos obxectivos xerais do II Plan director da cooperación galega 2010-2013, entre os que se atopa a mellora da capacidade da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior para liderar de forma efectiva unha acción humanitaria galega de calidade. Ademais, este Plan identifica tamén a Axuda Humanitaria e de Emerxencia como unha prioridade sectorial -a cuarta en importancia- dentro da cooperación galega.
Requisitos das entidades e proxectos
As entidades solicitantes deberán, entre outros requisitos, ter sede ou delegación permanente na comunidade autónoma galega e estar inscrita no Rexistro de Axentes de Cooperación. Ademais, só poderán presentar un máximo de dous proxectos individuais ou en agrupación.
Pola súa banda, os proxectos poderán ter unha duración máxima de 11 meses, rematando a súa execución antes do 30 de novembro do 2012 e podendo estar iniciados dende principios do mes de xaneiro. Así mesmo, deben redundar na mellora das condicións de vida das poboacións beneficiarias, identificar a contraparte ou socios locais, incluír un orzamento detallado do proxecto e expor unha relación coherente entre os recursos utilizados, as accións a realizar e os resultados a acadar con elas.
Outorgarase puntuación específica a proxectos de reconstrución en Haití; de atención a crises esquecidas; ou de xestión de riscos, prevención, mitigación e preparación ante desastres.
Para obter máis información sobre esta convocatoria de axudas pódese consultar a páxina web da cooperación galega, www.cooperaciongalega.org, así como facer consultas a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.es.
Novas relacionadas



