A Xunta convoca por vez primeira subvencións para executar proxectos de axuda humanitaria

O crédito que se dispón para a dotación da convocatoria de 2010 é de 300.000 euros, que se poderán ampliar con achegas posteriores.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Consello da Xunta deu hoxe o seu visto e prace á resolución da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia pola que, por vez primeira, se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos de axuda humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

O obxectivo das bases é regular a concesión de subvencións ás Organizacións Non Gobernamentais (ONG), entidades sen fins de lucro e comunidades galegas no exterior para a execución de proxectos de axuda humanitaria no exterior. A resolución axilizouse para poder iniciar canto antes os proxectos de reconstrución en Haití, tras o devastador terremoto que asolou a illa, polo que se priorizarán as propostas dirixidas a este país caribeño.

Enténdese por proxectos de axuda humanitaria aqueles destinados a salvar vidas, aliviar os sufrimentos e mellorar as condicións de vida das poboacións afectadas polas crises humanitarias, desastres, conflitos e enfermidades endémicas e epidémicas, garantindo a preparación previa, a prevención e os traballos de rehabilitación e reconstrución. O crédito que se dispón para a dotación desta convocatoria é de 300.000 euros, aínda que posteriormente se podería ver incrementada a dotación con achegas posteriores.

Poderán optar ás subvencións as organizacións non gobernamentais e entidades sen fins de lucro, e comunidades galegas no exterior, que teñan entre os seus fins o desempeño de accións de axuda humanitaria. A execución dos proxectos deberá rematar antes do 30 de decembro, deben identificar socios locais que participen na súa execución, deben redundar na mellora das condicións de vida das poboacións beneficiarias e deben incluír un orzamento detallado.

Condicións das axudas
A Fundación Pública Axencia Humanitaria de Galicia poderá financiar ata un 95% do orzamento total do proxecto, e a subvención non superará os 90.000 euros. As axudas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns, sempre e cando a suma de todas as subvencións obtidas non supere o custo do proxecto.

Serán gastos subvencionables os custos directos imprescindibles para a posta en marcha do proxecto e os vinculados á súa execución, e para efectos da concesión da axuda terase en conta a construción ou reforma en inmobles e infraestruturas, os equipos e subministracións e o persoal implicado. Tamén os custos indirectos, gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte, que resultan da formulación e execución do proxecto, así como da difusión e seguimento en Galicia.

Os proxectos que cumpran os requisitos serán avaliados tendo en conta distintos criterios, como a experiencia en accións humanitarias da entidade solicitante, a súa capacidade de execución, aspectos relacionados co socio local e co propio contido do proxecto, como a súa pertinencia, a coherencia dos obxectivos, a poboación beneficiaria, o impacto ambiental e de xénero ou o fortalecemento das capacidades locais. Ademais, serán prioritarios aqueles proxectos destinados á reconstrución de Haití.

2018 lecturas