A XUNTA PON DE RELEVO NO PORTO DO SON A IMPORTANCIA DE PRESERVAR A MEMORIA DA EMIGRACIÓN COMO PARTE DO PATRIMONIO COLECTIVO DE GALICIA

O secretario xeral da Emigración participou na presentación do libro ‘Sonenses en América e americanos en Porto do Son’ e na inauguración da exposición ‘A memoria da emigración nas familias de Porto do Son’, promovida polo Concello e financiada polo Goberno galego

Listen to this page using ReadSpeaker
Porto do Son, 17 de xullo de 2026.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe no Museo da Memoria Mariñeira Marea, en Porto do Son, na presentación do libro Sonenses en América e americanos en Porto do Son, obra de José Manuel Vázquez Lijó e Raúl Soutelo Vázquez, así como na inauguración da exposición A memoria da emigración nas familias de Porto do Son. No acto estivo acompañado polo alcalde do municipio, José Luis Oujo Pouso, e polo coautor da publicación, José Manuel Vázquez Lijó.

A exposición, impulsada polo Concello de O Porto do Son e financiada pola Secretaría Xeral da Emigración, ten como obxectivo poñer en valor o legado migratorio do municipio a través de documentos, fotografías e testemuñas achegadas polas propias familias.

Durante a súa intervención, Miranda destacou que a memoria da emigración é tamén a memoria das familias que fixeron Galicia dende os dous lados do Atlántico, e subliñou que obras e exposicións como estas permiten recuperar e preservar un patrimonio humano que forma parte da identidade colectiva de Galicia. “Cada fotografía, cada carta e cada historia familiar forman parte dun patrimonio colectivo que temos a responsabilidade de conservar e transmitir ás novas xeracións”, afirmou.

O secretario xeral puxo en valor o traballo desenvolvido polos autores da publicación, que reconstrúe a historia da emigración sonense desde o século XIX ata a actualidade, analizando non só os grandes movementos migratorios cara a América, senón tamén as migracións europeas da segunda metade do século XX e a pegada que deixaron no desenvolvemento económico, social e cultural de O Porto do Son. Ao mesmo tempo, destacou que a exposición complementa este labor investigador ofrecendo unha visión máis próxima e emocional a través de documentos, fotografías e testemuños cedidos polas propias familias.

Miranda lembrou que concellos costeiros como O Porto do Son mantiveron historicamente unha estreita relación coa emigración e que milleiros de veciños construíron unha nova vida en países como Arxentina, Uruguai, Cuba ou Venezuela, sen perder nunca o vínculo coa súa terra de orixe. Foron eles, sinalou, quen levaron Galicia polo mundo, quen mantiveron viva a cultura e quen contribuíron tamén ao progreso das comunidades que os acolleron.

16 lecturas