A Xunta pon en marcha o programa ‘Aventúrate con Galicia’ para que 30 rapaces e rapazas do exterior descubran a terra das súas raíces

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a primeira convocatoria desta iniciativa destinada a nenos e mozos de entre 10 e 17 anos descendentes de emigrantes galegos para participar en campamentos de verán e reforzar o vínculo coa súa terra de orixe.

As actividades desenvolveranse en instalacións xuvenís como Gandarío, Boiro ou Ribadeo, con propostas de multiaventura, náutica e contacto coa natureza ao tempo que se promove a convivencia e o intercambio cultural.

O prazo de presentación de solicitudes abrirá o próximo día 4 de maio e prolongarase durante un mes.

A Xunta pon en marcha o programa ‘Aventúrate con Galicia’ para que 30 rapaces e rapazas do exterior descubran a terra das súas raíces
A Xunta pon en marcha o programa ‘Aventúrate con Galicia’ para que 30 rapaces e rapazas do exterior descubran a terra das súas raíces
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 30 de abril de 2026.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da primeira edición do programa Aventúrate con Galicia, unha iniciativa da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, dirixida á mocidade galega do exterior e que permitirá a 30 rapaces e rapazas vivir unha experiencia única na Comunidade durante o verán. O obxectivo é fortalecer os lazos coa terra de orixe a través da convivencia, a cultura e o lecer, facilitando ademais o reencontro coas súas familias en Galicia.

O programa está destinado a nenos/as e mozos/as de entre 10 e 17 anos residentes no estranxeiro, descendentes de persoas emigrantes galegas, que poderán participar en diferentes campamentos organizados pola Dirección Xeral de Xuventude. As actividades desenvolveranse en localizacións como Gandarío, Boiro ou Ribadeo, combinando propostas de multiaventura, actividades náuticas, expresión artística e contacto coa natureza.

Convivencia, formación e cultura

A iniciativa busca ofrecer unha experiencia enriquecedora a través da convivencia coa rapazada residente en Galicia, fomentando valores como a integración, o intercambio cultural e o coñecemento da realidade galega. Ademais, inclúe aloxamento, manutención, actividades e asistencia durante toda a estancia, garantindo unha experiencia completa para os participantes.

Deste xeito, a Xunta continúa a reforzar as súas políticas dirixidas á mocidade do exterior, promovendo o contacto directo co territorio e contribuíndo a manter viva a identidade galega entre as novas xeracións.

Prazo e procedemento de solicitude

As solicitudes poderán presentarse durante un mes desde a apertura do prazo, previsto para o 4 de maio, preferentemente por vía electrónica a través da sede da Xunta de Galicia, aínda que tamén se contempla a súa tramitación a través de consulados e entidades colaboradoras no exterior. 

A adxudicación das prazas deste programa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude realizarase por orde de entrada ata completar a oferta dispoñible.

Ligazón á orde:

105 lecturas