A Xunta mantén contacto coas autoridades locais arxentinas para coñecer os datos do sinistro ferroviario
A Xunta de Galicia mantén permanente contacto coas autoridades locais para coñecer o alcance da traxedia ferroviaria vivida na xornada de hoxe en Bos Aires, e a súa posible repercusión na numerosa colonia galega residente na capital arxentina.
Tanto o secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, como o delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, mantiveron diversos contactos nas últimas horas con representantes da diáspora galega na capital austral, e tamén tiveron oportunidade de transmitir a preocupación do Goberno e o pobo galegos ao ministro de Saúde da Cidade de Bos Aires, Jorge Daniel Lemus, fillo de galegos.
Ao longo das próximas horas, e segundo os datos que se vaian coñecendo sexan máis fiables, haberá novos contactos entre membros do Goberno de Galicia e o da capital federal arxentina, cidade a cuxo goberno Camba e López Dobarro teñen expresado a máis fonda solidariedade de galegas e galegos nestes difíciles momentos.
Novas relacionadas



