A Xunta de Galicia incrementa un 8'1% o orzamento efectivo de emigración no inicio da recuperación económica

A partida de axudas económicas individuais e extraordinarias de emerxencia social, para as e os residentes no Exterior, medra e chega ata os  2.173.000 euros.

A Secretaría Xeral da Emigración incrementa os fondos destinados a entidades galegas no exterior nun 11,23%, para recuperar o esforzo feito durante estes anos.

Os orzamentos tamen recollen un intensivo reforzo das políticas de retorno cun aumento dos fondos nun 50%, para favorecer o emprendemento en Galicia e o establecimiento das familias no momento da volta á Terra.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2015.

A Secretaría Xeral da Emigración contará para o exercicio 2016  cun orzamento total de 8.308.800 euros dos que 6.805.864 euros son destinados directamente ás politicas de emigración, o que supón un incremento  dun 8,10% no orzamento efectivo respecto ao do 2015. Con este incremento o executivo galego agradece a sensibilidade e o apoio co que os galegos e as galegas residentes no exterior  afrontaron o axuste orzamentario deste departamento durante a crise.

Trátase duns orzamentos de marcado carácter social, dirixidos a manter e desenvolver sobre todo os programas sociales, pero  tamén os culturais e de carácter formativo destinados aos emigrantes galegos e galegas e ás e aos seus descendentes no exterior, así como as súas comunidades.

A partida destinada a axudas económicas individuais e de emerxencia social increméntase ata acadar os 2.173.000 €, o que permitirá mellorar as axudas e contribuír así a paliar situacións de precariedade económica e socio-asistencial. Como dato relevante, no exercicio 2015 resultaron beneficiarias das axudas económicas individuais 7.748 persoas cunha media de idade de 77 anos, o que reflicte en grande medida as necesidades socio-asistenciais deste colectivo. Este incremento permitirá atender a un maior número de persoas en situación de necesidade.

Atención ás entidades no exterior
A Secretaría Xeral da Emigración tamén incrementa o seu orzamento destinado ao fomento das actuacións das entidades galegas no exterior nun 11,23%, o que permitirá potenciar as axudas para os proxectos destinados á xuventude, para fomentar a incorporación da mocidade e da muller ao tecido asociativo das entidades galegas do exterior, e contribuír ao bo funcionamento e modernización da xestión destas.

Así mesmo, e grazas ao incremento orzamentario reforzarase a colaboración coas entidades galegas que dispoñen de centros de atención social para os colectivos de persoas galegas emigrantes, con servizos de protección (sanitarios, residencias de persoas anciás, centros de día …), co obxectivo de mellorar a protección socio sanitaria das e dos galegos residentes no exterior máis necesitados.

Ampliase o financiamento para a dotación de equipamentos e mellora das infraestructuras das entidades galegas. Reforzarase o programa de axudas destinado á recuperación, restauración e conservación do patrimonio cultural das entidades galegas: investimentos dirixidos a accións de catalogación, restauración e inventariado dos fondos artísticos, bibliográficos ou documentais acumulados por estas ao longo da súa historia.

Axudas ao retorno
O crédito destinado ao apoio ao retorno aumenta nun 50% con respecto ao ano 2015: refórzase o financiamento das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e ás súas familias, destinadas a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno que, polas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos polos afectados e afectadas, de tal xeito que alcancen a complementar ou aliviar a carencia de recursos.

Tamén se incrementan nun 50% as axudas para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na nosa comunidade autónoma das persoas galegas retornadas, destinadas a favorecer a integración e realizar nela as súas actividades profesionais, empresariais ou laborais, facilitando así o financiamento dos gastos de primeiro establecemento como traballadoras ou traballadores profesionais ou empresarios e empresarias. Trátase de aproveitar o inicio da recuperación para favorecer a volta das e dos galegos a súa Terra, de xeito que se sintan acompañados polo goberno  no inicio dunha nova actividade en Galicia.

Estes orzamentos amosan o firme compromiso do goberno da Xunta de Galicia cos galegos e as galegas residentes no exterior sobre todo, co colectivo mais vulnerable, priorizando a asistencia ás persoas máis necesitadas, e os programas destinados a garantir a calidade de vida das nosas e os nosos maiores.

1450 lecturas