A Xunta facilita as condicións de acceso á plataforma GaliciaLe que ofrece máis de 4.500 títulos de libros, revistas ou películas

O catálogo de préstamos electrónicos, que só estaba operativo para os usuarios e usuarias das bibliotecas públicas, ábrese agora a toda a poboación e de xeito gratuíto.

A través deste servizo pódense descargar e visionar obras en formato dixital de diversas temáticas, para todos os públicos e en ata oito idiomas.

A medida enmárcase na campaña #aculturasegue que a Consellería de Cultura e Turismo ten en marcha para achegar unha oferta de lecer cultural aos fogares. 

  • #GaliciaLe #aCulturaSegue
    #GaliciaLe #aCulturaSegue
  • #GaliciaLe #aCulturaSegue
    #GaliciaLe #aCulturaSegue
#GaliciaLe #aCulturaSegue
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2020.

A Xunta de Galicia vén de facilitar as condicións de acceso a GaliciaLe, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas. Ata agora só estaba accesible para as usuarias e usuarios destas bibliotecas, polo que era preciso ter carné, e desde este momento ábrese a toda a poboación. Esta nova medida enmárcase na campaña #aculturasegue que a Consellería de Cultura e Turismo ten en marcha a raíz da crise sanitaria co obxectivo de ofrecer unha programación de lecer e cultural a través de internet que chegue a todos os fogares da Comunidade. 

Deste xeito, as bibliotecas xestionadas polo Goberno autonómico continuarán a desempeñar un papel fundamental na provisión de servizos culturais durante o estado de alarma por mor do coronavirus. Así, entre outros servizos, as galegas e galegos poden descargar e visionar nos seus ordenadores, tabletas ou móbiles obras en formato dixital de temáticas diversas que cobren un amplo espectro de interese e de idades. 

En concreto, GaliciaLe conta con máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para persoas adultas. Ademais suma 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais. 

Rexistro rápido e sinxelo 
Para facilitar o acceso a esta plataforma só é necesario rexistrarse mediante o formulario dispoñible na páxina web de GaliciaLe. Tras cubrir o formulario, a persoa usuaria recibirá no seu enderezo electrónico as claves para acceder á plataforma. Cando remate o estado de alarma, os usuarios e usuarias disporán dun período de 30 días para recoller o seu carné e seguir gozando das vantaxes da rede de bibliotecas públicas de Galicia e desta plataforma. 

Como complemento a esta iniciativa, os arquivos xestionados pola Xunta (Arquivo de Galicia; e históricos, do Reino de Galicia, Lugo, Ourense e Pontevedra) propoñen unha viaxe polo tempo dentro da nosa Comunidade. Entre os diferentes recursos destacan exposicións virtuais en 3D e percorridos 360º ou as mostras do Arquivo do Reino, a última das cales foi publicada o pasado 8 de marzo, co gallo do Día internacional da Muller, e que leva por título Meigas, feitizos das menciñeiras: procesos xudiciais por bruxería.

Ademais, e aínda que os museos xestionados pola Xunta non están abertos, podemos explorar as súas coleccións e as actividades que se realizan neles ao través do mundo dixital. Na maioría deles pódese facer un percorrido completo polas súas salas expositivas e contemplar as obras expostas como se se estivera no interior, con información complementaria. 

Tres boas opcións de visitas virtuais para comezar, por ser centros afastados das cidades e a súa interesante proposta museográfica, son o Museo do Castro de Viladonga e o propio Castro, o Massó e as Pallozas e conxunto etnográfico do Cebreiro. Ademais, pode facerse unha visita virtual polos espazos de todos os museos xestionados pola Xunta.

En imaxes
531 lecturas