A Xunta destina preto de 17 millóns para consolidar un sistema de I+D+i cara á excelencia e atraer e reter talento en Galicia

Feijóo explicou que se destinarán case 15 M€ entre o período 2020-2024 para os grupos de referencia máis competitivos da I+D+i galega.

As novas convocatorias dos programas Talento Sénior e Principia contarán con máis de 2 M€ para a contratación dunhas 120 persoas en empresas e organismos de investigación.

  • Os programas Talento Sénior e Principia son dúas das máis de medio cento de medidas que integran a Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
    Os programas Talento Sénior e Principia son dúas das máis de medio cento de medidas que integran a Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
  • Os programas Talento Sénior e Principia son dúas das máis de medio cento de medidas que integran a Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
    Os programas Talento Sénior e Principia son dúas das máis de medio cento de medidas que integran a Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2019.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou onte, na rolda de prensa posterior ao Consello, que a Xunta destinará preto de 17 millóns de euros co dobre obxectivo de consolidar un sistema de I+D+i que camiñe cara á excelencia e atraer e reter talento na comunidade.

Nun primeiro termo, Feijóo explicou que a Administración autonómica destinará case 15 millóns no período 2020-2024 a axudas para os grupos de referencia máis competitivos da I+D+i galega, co fin de seguir dotando o sistema de estabilidade e, ao mesmo tempo, impulsar a súa excelencia.

En concreto, a convocatoria estará dirixida ás tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG); aos organismos públicos de investigación; ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) radicados en Galicia.

Como novidade, o titular do Goberno galego relatou que a convocatoria deste ano, ademais do apoio a grupos de referencia competitiva e grupos de potencial crecemento, introducirá unha terceira modalidade para o financiamento de proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente.

Sobre os grupos de referencia competitiva –modalidade á que se destinan máis de 8 millóns–, caracterizados por bos índices de publicacións científicas, un nivel de captación de recursos elevado e competitivos a nivel estatal e, en moitos casos, internacional, o presidente da Xunta aseverou que as axudas terán unha duración máxima de catro anos e o importe total de cada unha virá determinado por unha contía estrutural, máis outra variable, asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo.

A modalidade B –á que se destinan 5 millóns de euros- estará dirixida a grupos de potencial crecemento que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos e están na senda que os levará a ser grupos de referencia.

Para esta modalidade, as axudas serán de aplicación por un período de 3 anualidades, mediante o pagamento dunha contía máxima de 20.000 euros na primeira; e de 35.000 euros na segunda e terceira.

Por último, a modalidade C estará dirixida ao financiamento de proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, co obxectivo de reforzar o labor das científicas e os científicos máis activos do sistema como os que obtiveron unha axuda do Consello de investigación europeo, do Programa Ramón y Cajal e do Miguel Servet, os máis prestixiosos de Europa e de España respectivamente.

Dentro desta modalidade, e en función das características dos investigadores e investigadoras, haberá unha liña de reforzo da traxectoria investigadora consolidada; e outra de reforzo de traxectorias emerxentes.

Cómpre subliñar que, no caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora consolidada, as axudas serán de aplicación por un período de catro anualidades, mediante o pagamento anual á institución á que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 50.000 euros. E, no caso dos proxectos da liña de traxectoria investigadora emerxente, as axudas serán de aplicación por un período de 5 anualidades e unha contía máxima anual de 15.000 euros.

Máis de 2 millóns de euros para os programas Talento Sénior e Principia
Para as novas convocatorias dos programas Talento Sénior e Principia, a Xunta destinará máis de 2 millóns de euros, coa previsión de contratar a preto de 120 persoas en empresas e organismos de investigación.

A través do Talento Sénior, que contará cun orzamento de 960.000 euros, prevese apoiar un total de 15 contratacións de persoal con máis de cinco anos de experiencia na área de I+D+i. E os incentivos da Xunta para as entidades beneficiarias variarán en función da retribución bruta por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a tres anos, no que deberán achegar á ou ao profesional que se incorpore ao organismo un salario de cando menos 40.000 euros brutos por anualidade.

Á hora de conceder as axudas valorarase o perfil da persoa a contratar, a súa experiencia e traxectoria internacional e a condición de retorno e atracción, entre outras cousas.

O programa Principia que, con esta convocatoria, acada a súa quinta convocatoria, contará cunha achega de 1,1 millóns de euros para impulsar a contratación de persoal mozo e cualificado por parte de empresas e organismos de investigación.

Deste xeito, favorécese o desenvolvemento da carreira profesional da xente moza para abordar actuacións de investigación, desenvolvemento e innovación en empresas, organismos de investigación e universidades. O obxectivo, indicou Feijóo, é favorecer a contratación de máis de 100 persoas durante un período mínimo dun ano, para o que se outorgarán axudas de 10.000 euros por contrato.

En imaxes
355 lecturas