A Xunta defende a colaboración co corpo consular para potenciar o modelo galego de atracción de talento ordenado e en liña co tecido produtivo

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou no acto de recepción das autoridades de Galicia organizado polo corpo consular de Vigo.

José González pon de relevo o importante traballo que realizan os consulados para facilitar o arraigamento das persoas galegas do exterior que deciden retornar á comunidade e dos cidadáns estranxeiros en Galicia.

Lamenta que o Goberno estatal impulse unha regularización extraordinaria sen planificación e sen ter en conta o impacto nas comunidades autónomas nin a carga administrativa que supón, entre outros, para os servizos consulares.

En relación cos emigrantes galegos, expuxo que o Executivo autonómico está a atraer talento coa Estratexia Galicia Retorna e, no caso persoas estranxeiras, explicou a aposta por facilitar unha migración laboral planificada e co foco en América Latina.

  • A Xunta defende a colaboración co corpo consular para potenciar o modelo galego de atracción de talento ordenado e en liña co tecido produtivo.
    A Xunta defende a colaboración co corpo consular para potenciar o modelo galego de atracción de talento ordenado e en liña co tecido produtivo.
  • A Xunta defende a colaboración co corpo consular para potenciar o modelo galego de atracción de talento ordenado e en liña co tecido produtivo.
    A Xunta defende a colaboración co corpo consular para potenciar o modelo galego de atracción de talento ordenado e en liña co tecido produtivo.
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo, 17 de abril de 2026.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe a importancia da colaboración entre o Goberno galego e o corpo consular para potenciar as relacións internacionais de Galicia e a atracción de talento exterior, no marco do modelo galego baseado nunha inmigración controlada, segura e eficaz, vinculada á demanda das empresas e cunha integración sociolaboral en beneficio da Comunidade.

Así o sinalou hoxe en Vigo durante o encontro organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) cos representantes do corpo consular da cidade, no que puxo en valor o papel destes como ponte entre Galicia e o mundo, contribuíndo á proxección exterior da comunidade e ao fortalecemento das relacións económicas e institucionais.

Alí, o conselleiro puxo de relevo o importante traballo que realizan os consulados para facilitar o arraigamento dos cidadáns estranxeiros en Galicia e das persoas galegas do exterior que deciden retornar á comunidade, garantindo a súa seguridade xurídica e acompañándoos nos seus procesos de integración social e laboral.

Nesta liña, tamén se referiu ao recente real decreto a prol da regularización extraordinaria de migrantes impulsado polo Goberno central, sinalando a necesidade de que medidas deste alcance conten co diálogo e a planificación axeitada, tendo en conta o impacto directo nas comunidades autónomas e tamén nos propios servizos consulares para evitar riscos de colapso administrativo como os xa advertidos tamén nun ditame do Consello de Estado.

Plan galego de atracción de talento.

Como terra de acollida e de oportunidades, o conselleiro salientou que no desenvolvemento do plan galego de atracción de talento o corpo diplomático e consular desempeña un papel clave, ao tempo que considerou fundamental avanzar da man das administracións, do tecido empresarial e dos países de orixe cara a un modelo de mobilidade laboral con garantías desde a orixe e centrado nas persoas.

No desenvolvemento deste modelo, detallou as principais liñas de actuación do Executivo galego, cun primeiro eixo centrado no retorno da cidadanía galega do exterior a través das medidas recollidas na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, e un segundo eixo orientado á captación de traballadores de terceiros países, con especial atención a América Latina polos vínculos históricos e culturais.

Neste ámbito, destacou accións como o manifesto de vontades asinado cos embaixadores de Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai para impulsar a captación de talento en orixe. Do mesmo xeito, puxo en valor a recente participación institucional en Quito no foro de mobilidade laboral organizado polo goberno de Ecuador e o Banco Mundial, onde a Xunta avanzou na creación de alianzas estratéxicas con distintos países para abrir novas vías de cooperación nesta materia, sempre en coordinación coas necesidades dos sectores produtivos galegos. Neste marco, mencionou que é clave que o Goberno central acelere o proceso de traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo a Galicia, fundamental para potenciar este modelo.

284 lecturas