A Xunta convoca os cursos de galego preparatorios das probas Celga 2021 con máis de 1000 prazas en liña e presenciais

Reserva a modalidade presencial para as aulas do Celga 3 e Celga 4, mentres que a en liña prepara os catro niveis que se poden acreditar mediante exame oficial.

A presentación de solicitudes estará aberta desde mañá ata o vindeiro 24 de febreiro e os cursos darán comezo o 15 de marzo cunha carga lectiva de 70 horas.

O DOG e o Portal da Lingua Galega fan pública hoxe a resolución que se adaptará á situación derivada da covid-19
O DOG e o Portal da Lingua Galega fan pública hoxe a resolución que se adaptará á situación derivada da covid-19
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021.

A Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, convoca hoxe os cursos preparatorios das probas de acreditación do Celga para o ano 2021 cunha ampla oferta formativa que inclúe ata 1050 prazas, nas modalidades presencial e en liña, que as persoas interesadas poden consultar e solicitar desde a Sede electrónica (código de procedemento PL600A).

Cunha total adaptación á situación derivada da covid-19, a convocatoria desde ano, que ofrece un total de 33 cursos formativos, incide especialmente na formación en liña, cunha oferta de 27 cursos destinados ao catro niveis de coñecemento do galego que se poden acreditar mediante exame oficial (Celga 1, 2, 3 e 4). Con todo, para quen así o quixer e de permitilo a situación sanitaria, mantén un mínimo de seis cursos presenciais -preparados para a súa adaptación á modalidade virtual, se for preciso- repartidos entre as catro provincias e preparatorios dos niveis que abranguen habitualmente un número maior de solicitudes, o 3 e o 4.

Así se recolle hoxe na resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística que publican o Diario Oficial de Galicia e o Portal da Lingua Galega, na que se incide no carácter voluntario e gratuíto dos cursos e se recorda que a súa realización non dá dereito a ningún tipo de certificación. Cómpre, para acadar a certificación, acadar unha cualificación de apto/a nas probas de acreditación que a Xunta ten en axenda para os meses de maio e xuño.

Prazo aberto desde mañá ao 24 de febreiro a través da sede electrónica
Os cursos poderanos solicitar todas as persoas maiores de 16 anos ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria a partir de mañá, día 4, e ata o vindeiro 24 de febreiro. O formulario de solicitude e o procedemento PL600A estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Todos os cursos terán un mínimo de 15 participantes e un máximo de 30, agás os do Celga 1, cun máximo de 50, e terán unha duración de 70 horas lectivas titorizadas por docentes especialistas. A Secretaría Xeral de Política Lingúística publicará na súa páxina web (www.lingua.gal) a relación das personas seleccionadas para participar en cada curso, dando cinco días naturais desde a súa publicación (listaxes provisionais e definitivas) para as posibles alegacións.

Formación en liña e tamén presencial
A oferta preparatoria do Celga neste ano 2021, disposta para adaptarse á situación sanitaria e a posibles restricións, de ser o caso, inclúe 33 cursos, 27 deles en liña, que se reparten entre o Celga 1 (tres cursos), Celga 2 (cinco cursos), Celga 3 (seis cursos) e Celga 4 (13 cursos). Así mesmo, para garantir que a oferta formativa chegue a todas aquelas persoas interesadas, darase en todos os niveis a posibilidade de acceder dende calquera punto xeográfico que exceda as catro provincias galegas. Por parte, os seis cursos presenciais estarán repartidos entre as grandes cidades galegas e o Celga 4 poderá prepararse presencialmente na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo, mentres que o Celga 3 se desenvolverá en Lugo e Pontevedra.

As dúas modalidades darán comezo o 15 de marzo e desenvolveranse ata o 6 de maio cunha carga lectiva total de 70 horas. As persoas que desexen matricularse neles deben cubrir o formulario de solicitude que se achega como anexo e dirixilo á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da correspondente provincia. Se a situación excepcional provocada pola covid-19 así o esixe, a formación presencial poderá ser substituída por cursos en liña.

O sistema Celga
O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5 (este último só se acredita mediante validación de estudos de especialidade en lingua galega). Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade pon a disposición da cidadanía, a través do Portal da Lingua Galega, numerosos materiais de autoaprendizaxe que permiten preparar as probas de acreditación do Celga sen necesidade de seguir os cursos preparatorios incluídos nesta convocatoria. A eles e a toda a información sobre o sistema Celga pódese acceder, con descarga libre e de balde, desde a web de lingua.

1541 lecturas