A nova convocatoria formativa de Política Lingüística inclúe por primeira vez cursos Celga 3 en liña

Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega a resolución pola que se convocan cursos preparatorios gratuítos das probas Celga nos seus catro niveis.

A convocatoria abrangue cursos presenciais e en liña, estes últimos repartidos por ámbitos xeográficos que este ano se estenden ao Bierzo e Sanabria.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o vindeiro 11 de marzo.

Emigración salienta a importancia que esta medida ten para as galegas e os galegos do exterior.

Emigración salienta a importancia que esta medida ten para as galegas e os galegos do exterior
Emigración salienta a importancia que esta medida ten para as galegas e os galegos do exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2019.

O Plan de (tele)formación en lingua galega da Xunta de Galicia continúa a súa aposta pola formación en liña para chegar a calquera lugar e adaptarse aos diferentes horarios da poboación adulta, facilitando deste xeito o seu acceso ao coñecemento do galego. En concreto, a teleformación inclúe este ano por primeira vez cursos do nivel Celga 3 que se suman aos dos niveis Celga 1 e Celga 4 xa existentes. Así se recolle hoxe na resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística que publican o Diario Oficial de Galicia e o Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal) pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 (código de procedemento PL600A).

A convocatoria ofrece un total de 36 cursos, 15 dos cales se impartirán na modalidade presencial, en tanto os 21 restantes se ofrecen na de teleformación. O prazo de presentación de solicitudes abrangue desde mañá, 20 de febreiro, ata o 11 de marzo. No caso dos 21 cursos de teleformación a inscrición debe facerse exclusivamente a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), na que tamén están a disposición da cidadanía os formularios de solicitude dos cursos presenciais. Cada persoa poderá solicitar un único curso.

Cursos en liña
Dos 21 cursos en liña que se celebrarán este ano, 3 estarán centrados no nivel Celga 1, 7 no Celga 3 e 11 no Celga 4. Co fin de garantir que a oferta formativa chega a todo o territorio de Galicia, para os niveis Celga 3 e Celga 4 establécense diferentes ámbitos xeográficos nos que se reparten os diferentes cursos. Aos ámbitos provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra engádese este ano o do Bierzo e Sanabria, ao que se destina un curso preparatorio do Celga 4. Deste xeito, favorécese ao acceso á formación en lingua galega e a normalización lingüística nos territorios galegofalantes limítrofes, en consonancia co establecido no Protocolo de colaboración para a promoción da lingua galega asinado pola Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León con data do 30 de agosto de 2006. Haberá tamén un curso Celga 3 e outro Celga 4 que non estarán adscritos a un ámbito xeográfico concreto e aos que poderán acceder persoas empadroadas fóra de Galicia.

Modalidade presencial
A existencia de cursos en liña non anula a modalidade presencial, que este ano inclúe 15 cursos dos niveis Celga 2, 3 e 4 repartidos nas sete cidades galegas: A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Estes desenvolveranse de luns a xoves a partir das 18.30 horas entre o 1 de abril e o 23 de maio de 2019.

875 lecturas