A Xunta convoca a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para o próximo 4 de maio
A convocatoria da reunión, que será telemática, será a segunda do ano para permitir un contacto máis estreito e permanente nestes difíciles momentos.
A reunión vai a permitir coñecer a situación das Comunidades Galegas no mundo e expoñer o desenvolvemento dos novos programas de axudas no contexto covid, así como a planificación das accións relacionadas co Xacobeo.
A Secretaria Xeral da Emigración informa da publicación no DOG do pasado 21 de abril da convocatoria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas que se celebrará de xeito telemático o próximo 4 de maio.
Este encontro telemático supón unha continuidade no traballo permanente de contacto coas comunidades galegas do exterior no que se analizará a situación na que se atopan estas colectividades no actual escenario mundial da covid-19. Tamén se vai a expoñer o desenvolvemento dos novos programas de axudas no contexto da pandemia e avanzarase na planificación das diferentes accións que se van pór en marcha tendo en conta que estamos xa a celebrar o Xacobeo.
O órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da comunidade está conformado por doce entidades electas, catro representando aos galegos e galegas de América e do resto do mundo, catro que representan a Europa e outras catro que representan ás e aos galegos que residen nas comunidades autónomas españolas. Como membros natos do organismo permanecen a Casa de Galicia de Montevideo (O Uruguai) e a Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas) por contar con máis de 20.000 persoas asociadas.
A Comisión, que se reúne con carácter ordinario alomenos unha vez ao ano, está presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidente do Consello de Comunidades Galegas, e o vicepresidente é o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. Esta sería xa a segunda reunión que se desenvolve neste ano, pois trátase de ter un contacto máis directo e intenso, polas dificultades que se están a vivir en todo o mundo.
Novas relacionadas