A Xunta achega o cine galego de maior éxito aos centros galegos do mundo, dende a Patagonia ata as rúas de Londres

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentou o ciclo "Galicia é Cine" que se pon en marcha da man da Fundación Araguaney e que permitirá que galegas e galegos residentes en Arxentina, Reino Unido e Venezuela poidan coñecer as películas feitas en Galicia máis taquilleiras dos últimos anos.

As películas comezarán a proxectarse o xoves, día 12, no Centro Gallego de Río Gallegos na Arxentina.

Antonio Rodríguez Miranda e Ghaleb Jaber Martínez, esta mañá, durante a presentación do ciclo 'Galicia é Cine'
Antonio Rodríguez Miranda e Ghaleb Jaber Martínez, esta mañá, durante a presentación do ciclo "Galicia é Cine"
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023.

A Secretaría Xeral da Emigración, a través do novo programa "Galicia é Cine", posto en marcha en colaboración coa Fundación Araguaney, achegará o cine de maior éxito aos centros galegos do mundo, dende a Patagonia arxentina ata as rúas de Londres.

O obxectivo deste novo programa, que vén a sumarse a outras iniciativas similares en prol da cultura galega postas en marcha pola Xunta de Galicia, é dar a coñecer o cine feito en Galicia aos centros galegos, comezando por dous de Arxentina: Centro Cultural España de Córdoba e Centro Gallego de Río Gallegos; un do Reino Unido, o Centro Galego de Londres en colaboración co Instituto Español Cañada Blanch; e a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

O ciclo está conformado por cinco filmes, que poderán comezar a verse a partir do próximo xoves no Centro Gallego de Río Gallegos, na Arxentina: Cuñados, Matria, O que arde, A Esmorga, e Ons.

Tal e como explicou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “trátase dun proxecto de difusión da cultura audiovisual galega, nun momento no que estamos a vivir un momento de grande éxito, con películas que non só están a encher as salas de cine de toda España e América, senón tamén, están a recibir numerosos premios nos diferentes festivais de cine de toda Europa”.

“Con este novo programa queremos non só difundir o noso cine entre os galegos do exterior senón, tamén, amosar a tradición e a vangarda do mesmo, un cine que destaca pola súa fotografía na que se amosa o noso gran valor paisaxístico tanto rural coma urbano, como polos valores culturais e etnográficos que amosa”, engadiu o responsable autonómico.

Pola súa banda, o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, afirma que “Galicia é Cine” define o que somos: “unha terra de cultura, lembranza e vangarda”, e sinala que este proxecto audiovisual “está pensado para levar ao mundo o mellor do cine galego amosando a nosa terra a través da creatividade e o sentimento”. Neste sentido, lembra que a Fundación Araguaney leva catro décadas sendo un referente social, “e agora dá un paso máis para seguir internacionalizando a nosa cultura a través da emoción e a imaxe que ofrece o cine”.

334 lecturas