A Xunta abre o prazo para solicitar praza nos 13 novos másteres de FP e en 99 proxectos de Dual

Tamén se inicia o período de solicitude para os ciclos formativos do réxime ordinario, modular para as persoas adultas e programas formativos básicos.

A estas prazas de Formación Profesional tamén poden optar as e os emigrantes retornados
A estas prazas de Formación Profesional tamén poden optar as e os emigrantes retornados
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021.

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo para solicitar praza nos 13 novos másteres de Formación Profesional e 99 proxectos de FP Dual repartidos en centros educativos ao longo de toda a xeografía galega. Así mesmo, iníciase o período de solicitude para os ciclos formativos do réxime ordinario, do réxime para as persoas adultas e dos programas formativos básicos.

Os másteres de FP constitúen unha nova oferta este ano, un paso máis no camiño de excelencia de FP e na configuración destas ensinanzas como unha porta aberta ao emprego. Trátase de cursos de especialización en áreas punteiras como a implementación de redes 5G, a big data ou a intelixencia artificial, cos que se busca favorecer a empregabilidade das e dos titulados da FP galega nas profesións de futuro.

Serán un total de 21 os centros educativos que impartan estes 13 másteres de FP, nun total de 27 grupos. Os requirimentos de acceso para as 540 prazas convocadas poden consultarse na área específica do Portal de FP. A data límite para a presentación de solicitudes é o 5 de xullo ás 13:00 horas.

No caso da FP Dual Dual, convócanse 1.400 prazas en 99 proxectos, que se desenvolverán en 49 centros coa colaboración de 374 empresas, en cuxo centros de traballo desenvolverá o alumnado boa parte da formación. Neste sentido, os ciclos de Dual constitúen unha oportunidade para que empresas e alumnado se retroalimenten, de tal xeito que os centros de traballo poidan incorporar as técnicas innovadoras coas que se traballa nos centros que imparten FP e o alumnado poida formarse en situacións de traballo real. O éxito desta modalidade tradúcese nunha inserción laboral dos seus titulados e tituladas superior ao 90%.

Neste caso a data límite de presentación de solicitudes é o 2 de xullo ás 13:00 horas. O período de selección por parte da empresa colaboradora e do centro educativo irá do 8 ao 14 de xullo, e as persoas finalmente seleccionadas poderán matricularse do 16 de xullo ás 9:00 h. ao 23 de xullo ás 13:00 h. As instrucións xerais do proceso de admisión poden consultarse na área específica do Portal de FP.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade abre ademais o prazo de solicitude de praza nas 29.950 prazas ofertadas nos réximes ordinario e no réxime para as persoas adultas nos centros públicos en 1.163 ciclos e programas formativos autorizados para o vindeiro curso, incluídos os programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa. En todos os casos poderase presentar a solicitude ata o vindeiro 5 de xullo ás 13:00 horas.

1312 lecturas