A Xunta abre o prazo das axudas para familias galegas do exterior en situación de emerxencia social urxente

O Goberno galego destina 30.000 euros a atender ás e aos residentes do exterior que padezan un deterioro grave da súa situación social e económica.

O prazo para solicitar estas axudas estará aberto ao longo deste ano, ata o próximo 15 de outubro.

O prazo de solicitude das Axudas de Emerxencia Social 2024 estará aberto ata o 15 de outubro
O prazo de solicitude das Axudas de Emerxencia Social 2024 estará aberto ata o 15 de outubro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024.

A  Secretaría Xeral da Emigración publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia as axudas para familias galegas do exterior en situacións de emerxencia social urxente.

Deste xeito, o Goberno galego destina 30.000 euros ás e aos residentes do exterior que carezan dos recursos económicos necesarios para atender problemas sobrevindos de carácter extraordinario, xa sexan sociais, sanitarios ou asistenciais. 

Estes apoios económicos consisten en axudas de ata 3.000€ por persoa beneficiaria, para determinados casos, e destínanse a persoas emigrantes galegas e aos seus fillos e fillas que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior e que, por cuestións urxentes e extraordinarias, se atopen en situacións de emerxencia social.

Os requisitos necesarios para solicitar estas axudas son ter rendas ou ingresos insuficientes, ter patrimonio insuficiente ou acreditar documentalmente a situación de necesidade que xustifique a solicitude e as circunstancias sobrevindas nun tempo próximo ao da solicitude, como máximo nos últimos doce meses, da que derive. Contémplanse en concreto, as seguintes situacións:

  • Dificultades para cubrir as necesidades básicas de subsistencia: alimentación, coidados persoais esenciais (vestido e hixiene), educación ou análogos
  • Perda, inadecuación ou deterioración da vivenda habitual
  • Problemas de carácter sanitario ou asistencial grave.

O prazo destas axudas estará aberto ata o 15 de outubro.

387 lecturas