Vinte e dúas historias de estranxeiros en Galicia, protagonistas da mostra inaugurada no Encontro da Inmigración

A inauguración de Galicia somos todos contou coa presenza dos propios retratados, da presidenta do porto vigués, e do Secretario Xeral de Emigración.

Tiveron lugar tamén as actuacións musicais de Macchu Picchu, Batuko Tabanka e Carlos Bau.

Listen to this page using ReadSpeaker
14 de marzo de 2011.

O Peirao de Transatlánticos de Vigo acolle desde este sábado a mostra Galicia somos todos, unha exposición que combina fotografías e historias persoais de 22 inmigrantes. A escolma de imaxe e textos foi inaugurada oficialmente polo Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, acompañado pola presidenta do porto vigués, Corina Porro.

Así, a mostra repasa as vivencias recentes dun transportista arxentino, un músico angolano, unha comerciante venezolana, unha cociñeira romanesa, un guía e un hostaleiro brasileiros, unha estudante marroquí, un carpinteiro, un maquinista e unha veterinaria uruguaios, un escritor inglés, un camareiro cubano, outro polaco, outra máis paraguaia e máis outra mozambicana, un músico ruso e outra húngara, un mecánico islandés, un enxeñeiro escocés, unha esteticista nixeriana, un deseñador mexicano, e unha economista xaponesa, radicados en Galicia.

Todos eles foron os protagonistas do Encontro da Inmigración 2011, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración en colaboración co Porto de Vigo, a Fundación homónima, e a Deputación Provincial de Pontevedra. Tamén houbo tempo, tralos discursos e a apertura oficial da mostra, para a música do grupo andino Macchu Picchu e do caboverdiano Batuko Tabanca, así como do cantante galego Carlos Bau, que fixeron as delicias dos presentes.

A Galicia emigrante
A hostaleira paraguaia Lidia Rolón agradeceu aos galegos “a confianza nos inmigrantes para acollernos sen distinción de cor ou bandeiras. Creo que saben perfectamente o que significa estar fóra”. Nesa idea da experiencia propia das xeracións de galegos que tiveron que buscar un futuro mellor noutros países se incidiu tamén nas alocucións posteriores, ata se converter no leit motiv da xornada. A Galicia emigrante, a diáspora galega, estivo daquela tamén presente no Encontro.

Trala intervención de Rolón, o deseñador mexicano Emilio Iniesta falou da súa peculiar maneira de atopar Galicia, a través do fútbol por televisión, da súa paixón gastronómica polo polbo, e o definitivo, pola súa actual dona. “Quero aproveitar esta oportunidade para expresar a miña admiración por todos aqueles inmigrantes que, coma min, deixaron con profunda dor e mágoa os seus países, as súas familias, e os seus amigos para tomaren a valente decisión de buscar aquí un lugar onde realizar os sonos, onde encetar novos proxectos e onde compartir con todos as súas respectivas culturas”, afirmou Iniesta.

O deseñador fixo fincapé na importancia e idoneidade dese fluxo de ideas e experiencias entre poboación foránea e nativa cando afirmou que “quero estender o meu respecto e admiración para tódolos galegos que ven nos inmigrantes unha oportunidade de intercambio cultural importante para a comunidade. Que ven en cada un de nós un vínculo co diferente, porque é a través dos nosos ollos, os nosos oídos e os nosos corazóns que tamén axudamos a Galicia a abrir ao exterior”.

Porro e Camba
A presidenta do Porto de Vigo, Corina Porro, dou a benvida aos presentes ao recinto portuario, e enxalzou a importancia histórica e de presente do fenómeno migratorio na cidade máis poboada de Galicia. Igualmente, como os seus predecesores, salientou a importancia da colaboración presente e futura entre a poboación autóctona e os residentes procedentes do exterior, moitos dos cales arriban a Galicia a través desa porta ao mar que é o peirao vigués.

Pechou o acto o Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, quen lembrou as liñas postas en marcha pola Administración autonómica para fomentar a integración da poboación inmigrante. Entre estas, a convocatoria de formación laboral específica para estranxeiros a través dun programa cofinanciado polo Fondo Social Europeo, distintas liñas de axuda para a realización de proxectos por parte dos concellos e das entidades de iniciativa social, ou as actuacións específicas para os inmigrantes en situación máis vulnerable. E todo iso, lembrou Camba, malia que “o Goberno central diminuíu o ano pasado a axuda para as políticas de integración en Galicia nun 65%, e que este ano volveu de novo reducilas”.

Respecto da mostra, Camba afirmou que a través da exposición Galicia somos todos “pretendemos trasladar e reafirmar o noso compromiso coas persoas inmigrantes ante toda a sociedade”. E tamén dixo que “as historias que se recollen nesta exposición sobre como chegaron e como se atopan en Galicia algúns dos nosos veciños e veciñas nados noutros países son só unha pequena mostra da sintonía existente nas nosas aldeas e cidades”.

1462 lecturas