A vida e obra dun ribadense en Cuba convertida en libro

Pablo Rodríguez recompilou en Manuel Rodríguez. Emigrante y poeta en La Habana varias cartas e poemas inéditos do seu tío.

Listen to this page using ReadSpeaker

O ribadense Pablo Rodríguez acaba de lanzar un libro no que reúne centos de cartas e poemas do seu tío Manuel Rodríguez García, que foi emigrante en Cuba. A obra Manuel Rodríguez. Emigrante y poeta en La Habana supón un repaso histórico do século XX na illa, visto por un emigrante, dende 1915 a 1975.

A obra recompila a vida dun ribadense que con 18 anos cumpridos tomou o camiño da emigración. Inclúe fotografías, un artigo de Manuel Rodríguez que se publicou no libro das festas de Ribadeo do ano 1932, 23 poesías inéditas e artigos que escribiron sobre el. Tamén forma parte do libro a reedición da obra Añoranzas, de Manuel Rodríguez.

Algúns textos fan referencia ao fillo do poeta, Litico. O actor, comediante e bailarín cubano xa falecido foi quen entregou a Pablo Rodríguez as poesías inéditas do seu pai que agora ven a luz.

O interese pola historia da emigración na súa familia empezou cando Pablo Rodríguez descubriu no faiado da casa da súa nai un paquete con todas as cartas enviadas polo seu tío Manuel aos seus irmáns, Manolo e Pepe. O epistolario do poeta, dende a súa marcha ata a súa morte, detalla a súa traxectoria laboral, a súa morriña a Ribadeo e á súa familia e deixa constancia da vida dun emigrante que "pensaba regresar algún día a Ribadeo", "para pasar o resto dos seus días observando a ría", afirma Pablo Rodríguez.

En imaxes
1048 lecturas