Vázquez Abad abre vías de colaboración coa Universidade de Bos Aires, e cos gobernos arxentino e da cidade bonaerense en prol da cultura e da lingua galegas

O conselleiro de Cultura e Educación reuniuse con representantes da Secretaría de Cultura da Nación Arxentina, encontro no que se avanzou na cooperación entre os dous países en eventos como a celebración do centenario de Cortázar ou o MICSUR.

Pola tarde o conselleiro de Cultura e Educación e o decano da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires asinaron un convenio centrado na promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas.

O titular de Cultura e Educación e a directiva desta universidade abordaron futuras liñas de traballo conxunto no eido cualificación profesional do profesorado e das novas tecnoloxías da información e a comunicación.

A xornada de traballo concluíu coa reunión de Vázquez Abad co ministro de Cultura da cidade de Bos Aires, Hernán Lombardi.

Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 6 de maio de 2013.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reuniuse na mañá de hoxe con representantes da Secretaria de Cultura da Nación para tratar –entre outras cuestións–, sobre a colaboración da Xunta de Galicia na celebración do centenario de Julio Cortázar ou a participación da industria cultural arxentina no WOMEX 2014. Ademais abríronse vías para unha posible participación galega no MICSUR (Mercado de Industrias Culturales do Sur). Posteriormente, o titular de Cultura e Educación e mais o decano da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires, subscribiron un convenio de colaboración –estratéxico para o ensino do galego e a difusión da nosa cultura na Arxentina–, que vén estreitar os lazos establecidos entre a Xunta de Galicia e este centro universitario de referencia no ensino superior no ámbito hispanoamericano. O conselleiro iniciou contactos con responsables da institución para chegar a un acordo de base que estableza futuras liñas de cooperación para procurar o incremento da calidade da formación universitaria e do uso das tecnoloxías da información e da comunicación. A xornada de traballo concluíu coa entrevista que Vázquez Abad mantivo co ministro de Cultura da cidade de Bos Aires, Hernán Lombardi. Nesta abordáronse distintos temas de interese común para ambas as dúas administracións.

Colaborar para o desenvolvemento
Xesús Vázquez Abad mantivo na sede da rúa Alvear da Secretaria de Cultura da Nación, unha reunión que cualificou de “ proveitosa”, subliñando que “Arxentina é un país próximo a nós polos lazos históricos e humanos que teceu a emigración galega, e polo agarimo, respecto e grandeza coa que fomos acollidos” e referiuse á cultura arxentina como “unha das máis ricas e dinámicas do mundo.”

“Trátase de reforzar os lazos de cooperación entre Galicia e Arxentina a través do intercambio e a difusión cultural, do aproveitamento das oportunidades que brindan as grandes conmemoracións e os eventos internacionais, como o WOMEX, para a promoción e impulso das nosas respectivas industrias culturais”, dixo Vázquez Abad. “Penso que coincidimos no punto de partida, no papel central que a cultura ten para o progreso humano, a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento sostible das nosas sociedades”, concluíu.

Froito deste entendemento, durante o encontro con responsables Secretaría Nacional de Cultura da Nación Arxentina e da Dirección Xeral das Industriais Culturais abríronse vías para unha posible participación de Galicia no MICSUR (Mercado de Industrias Culturais do Sur), un evento que se celebrará en maio de 2014 co obxectivo de promover o intercambio e difsuión dos bens e manifestacións culturais en Sudamérica e países latinoamericanos. Neste sentido Vázquez Abad salientou a conexión entre a cultura galega e a iberoamericana, tanto pola trama de valores e significados que foron tecendo os fluxos migratorios en ambas as direccións, como pola proximidade que a lusofonía supón con países implicados neste mercado, como Brasil. Deste xeito, o conselleiro valorou este mercado como unha oportunidade para a proxección das industrias culturais galegas alén das nosas fronteiras, nun marco de referentes comúns no que poden xurdir importantes sinerxías e novas oportunidades de desenvolvemento.

A colaboración entre ambas as beiras do Atlántico concretarase ademais no WOMEX 2014, escaparate mundial das músicas do mundo no que as autoridades arxentinas manifestaron o seu interese en participar.

50 anos de Rayuela, 100 anos de Cortázar
Por outra banda, co gallo da celebración do centenario do nacemento dun dos escritores máis representativos das letras arxentinas, Julio Cortázar, o Goberno da Nación prepara un amplo programa de actividades para 2014 co que se renderá homenaxe a este intelectual e autor esencial do boom latinoamericano. Neste eido, o Goberno Arxentino ten a intención de formar unha gran exposición sobre o Cortázar para o que solicitou a colaboración da Xunta de Galicia. Entre outros aspectos, o Goberno Autonómico facilitará o material gráfico dispoñible nos fondos do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).

Neste aspecto cómpre lembrar que a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de dedicar a sesión inaugural do ciclo Nexos. A cultura contemporánea a través das letras, celebrado no Gaiás, á obra capital de Julio Cortázar, Rayuela, que neste 2013 cumpre 50 anos. Baixo o título de 50 anos de Rayuela. A atmosfera intelectual de París e Bos Aires cando Julio Cortázar, a xornada contou coa presenza do ensaísta, crítico de arte e profesor de literatura e cultura hispanoamericana da Universidade de Toulouse-Le Mirail, Jean Liberto Andreu, un dos maiores especialistas na obra do arxentino.

Unha ferramenta para a promoción exterior da lingua e a cultura galegas
Pola tarde, o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, e mais o decano da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires, subscribiron un convenio de colaboración –estratéxico para o ensino do galego e a difusión da nosa cultura na Arxentina–, que vén estreitar os lazos establecidos entre a Xunta de Galicia e este centro universitario de referencia no ensino superior no ámbito hispanoamericano.

O convenio –articulado a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística– instrumenta o desenvolvemento de accións conxuntas artelladas na docencia, a investigación e mais na promoción da lingua, literatura e cultura galegas non só no ámbito académico da Universidade senón tamén na súa área de influencia. Deste xeito, ambas entidades renovan a súa cooperación a prol da dinamización da lingua propia de Galicia no ámbito da educación superior da Arxentina, o país que aglutina a maior comunidade galega na diáspora.

Neste caso, o convenio céntrase na programación de actividades de extensión cultural e de fomento do uso do galego entre as e os membros da comunidade educativa desta prestixiosa universidade bonaerense. Asemade, este convenio virá darlle continuidade ao estudo da lingua, da literatura e da cultura galegas nos plans de estudo da Cátedra Libre de Estudios Gallegos “Alfonso R. Castelao” da Facultade de Filosofía e Letras, dependente da Secretaría de Extensión Universitaria. Pola súa banda, a Consellería colaborará na realización das accións previstas, prestaralle orientación e apoio pedagóxico-didáctico, asesoramento técnico e impulsará campañas de divulgación.

Durante o acto, Vázquez Abad fixo entrega de documentación das tres universidades galegas e iniciou contactos coa directiva da institución para chegar a un acordo de base que estableza futuras liñas de cooperación para procurar o incremento da calidade da formación universitaria e de uso das tecnoloxías da información e da comunicación. Neste sentido, estas conversas iniciais terán continuidade con contactos técnicos para avanzar nun protocolo de colaboración conxunto.

A Universidade de Bos Aires, coa que se subscribe a devandita colaboración, foi fundada en 1821 por Martín Rodríguez e Bernardino Rivadavia. É a maior universidade da Arxentina e unha das máis prestixiosas de América.

Entrevista co Ministro de Cultura de Bos Aires
A xornada de traballo concluíu coa reunión de Vázquez Abad co ministro de Cultura da cidade de Bos Aires, Hernán Lombardi, para abordar distintos temas de interese común a ambas as dúas administracións. Na xuntanza avanzouse na definición dunha addenda cultural que concrete e desenvolva o convenio-marco asinado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o xefe do Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires, Mauricio Macri. “Trátase de reforzar os lazos de cooperación entre Galicia e Bos Aires a través do intercambio e a difusión cultural, a protección e posta en valor do patrimonio ou a creación de plataformas para a promoción e impulso das nosas respectivas industrias culturais”, dixo Vázquez Abad.

Na reunión abordáronse aspectos relativos á posibilidade da presentación dunha candidatura dos murais de Seoane en Bos Aires como Patrimonio da Humanidade; o impulso turístico da Cidade da Cultura; a conmemoración do centenario do nacemento de Julio Cortázar; ou da promoción do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, un evento que terá a consideración de acontecemento de excepcional interese público. Tratáronse tamén posibles vías de colaboración no eido das industrias culturais, en concreto falouse das artes escénicas, a cinematografía e a industria do libro.

730 lecturas