Valentín García imparte en Barcelona unha conferencia sobre Antonio Fraguas e as Letras Galegas

O secretario xeral de Política Lingüística acudiu á Cidade Condal convidado pola Agrupación Cultural Galega Saudade.

O secretario xeral de Política Lingüística acudiu á Cidade Condal convidado pola Agrupación Cultural Galega Saudade
O secretario xeral de Política Lingüística acudiu á Cidade Condal convidado pola Agrupación Cultural Galega Saudade
Listen to this page using ReadSpeaker
Barcelona, 16 de marzo de 2019.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, desprazouse hoxe ao serán a Barcelona para participar nun acto organizado pola Agrupación Cultural Galega Saudade, en cuxa sede pronunciou a conferencia A importancia das Letras Galegas. Antonio Fraguas.

O secretario xeral explicou ante as e os membros da asociación organizadora e mais doutro público interesado que “O Día das Letras Galegas é hoxe unha xornada festiva que aglutina a toda a comunidade arredor da nosa literatura e da nosa lingua”. Na mesma liña, e tras facer un repaso pola biografía e a obra do autor que será homenaxeado o vindeiro 17 de maio, concluíu que “toda Galicia se sentirá unida honrando unha figura unanimemente recoñecida, porque Antonio Fraguas, a quen aínda temos moi presente, é admirado ben polo seu compromiso ético e político co galeguismo e coa democracia, ben polo seu activismo cultural, ben polas súas calidades docentes, ben pola súa bonhomía... ou ben por todas estas cousas xuntas”.

A Agrupación Cultural Galega Saudade de Barcelona, fundada en 1982 da man de 22 socias e socios iniciais, conta hoxe con máis de 400 familias inscritas e organiza unha ampla variedade de actividades culturais e sociais nas que participa público diverso.

Antonio Fraguas
Antonio Fraguas Fraguas (Loureiro, Cerdedo-Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999) foi membro do Seminario de Estudos Galegos e das Irmandades da Fala, así como director do Museo do Pobo Galego e Cronista Xeral de Galicia. Estudoso da nosa realidade cultural desde diferentes ámbitos, destacou sobre todo no eido da antropoloxía, onde os seus traballos contribuíron decisivamente ao coñecemento da cultura popular e ao afondamento na nosa identidade. Comprometido nos anos 30 coa aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, tras a guerra sufriu a represión, que o afastou durante anos da súa inicial dedicación ao ensino público. Isto non diminuíu o seu compromiso con Galicia, senón que Antonio Fraguas continuou colaborando en todas as iniciativas a prol da cultura galega da posguerra: Real Academia Galega, Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos ou  Fundación Rosalía de Castro, entre outros. Tras a morte de Franco, participou na creación do Museo do Pobo Galego e ingresou no Consello da Cultura Galega.

58 lecturas