Unhas 140 persoas galegas mozas do exterior poderán conectar coa cultura e o territorio de Galicia grazas ás novas convocatorias de dous programas da Xunta

O Consello coñeceu hoxe as edicións de 2026 de ‘Conecta con Galicia no Camiño’ e ‘Conecta co Voluntariado en Galicia’, cos que fomenta un maior coñecemento do seu territorio con actividades recreativas, medioambientais e culturais durante o verán.

‘Conecta con Galicia no Camiño’ destínase a mozos e mozas galegos de entre 18 e 21 anos residentes no exterior e consiste na realización dun tramo a pé de 100 km do Camiño de Santiago e doutras actividades complementarias.

‘Conecta co Voluntariado en Galicia’ diríxese a persoas de entre os 21 e os 30 anos e busca reforzar os vínculos da mocidade galega no exterior a través da participación en actividades culturais e medioambientais.

Nos anos 2024 e 2025 beneficiáronse destas iniciativas preto de 190 mozas e mozos de Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai, Venezuela e outros países do resto de América.

  • Unhas 140 persoas galegas mozas do exterior poderán conectar coa cultura e o territorio de Galicia grazas ás novas convocatorias de dous programas da Xunta.
    Unhas 140 persoas galegas mozas do exterior poderán conectar coa cultura e o territorio de Galicia grazas ás novas convocatorias de dous programas da Xunta.
  • Unhas 140 persoas galegas mozas do exterior poderán conectar coa cultura e o territorio de Galicia grazas ás novas convocatorias de dous programas da Xunta.
    Unhas 140 persoas galegas mozas do exterior poderán conectar coa cultura e o territorio de Galicia grazas ás novas convocatorias de dous programas da Xunta.
  • Unhas 140 persoas galegas mozas do exterior poderán conectar coa cultura e o territorio de Galicia grazas ás novas convocatorias de dous programas da Xunta.
    Unhas 140 persoas galegas mozas do exterior poderán conectar coa cultura e o territorio de Galicia grazas ás novas convocatorias de dous programas da Xunta.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2026.

O Consello da Xunta coñeceu hoxe as convocatorias de 2026 dos programas Conecta con Galicia no Camiño e Conecta co Voluntariado en Galicia, grazas ás que unhas 140 persoas galegas mozas residentes no exterior poderán fortalecer os vínculos coa comunidade galega, a través de estadías de máis de 10 días durante o verán. Ambas iniciativas, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, contan coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e as edicións deste ano publicaranse esta semana no Diario Oficial de Galicia.

Con estes programas, o Goberno galego promove o enriquecemento persoal dos participantes mediante a convivencia con outras mozas e mozos de idades e intereses similares e a participación en actividades recreativas, deportivas, medioambientais e culturais. Tamén fomenta un maior coñecemento do territorio e da súa situación sociocultural actual. Deste xeito, a mocidade galega residente no exterior reforza os seus lazos con Galicia e cos seus familiares que viven na comunidade galega.

Con ese fin, en ambos casos, a Xunta de Galicia asume a organización da viaxe, os traslados dos participantes e o custo dos billetes de avión. Tamén cubre os desprazamentos terrestres, o aloxamento e a manutención en Galicia. Entre os requisitos que se exixen están ter nacido en Galicia ou ser descendentes de persoas emigrantes galegas, posuír nacionalidade española e estar vinculadas a un concello galego a través do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE), cunha antigüidade mínima de tres meses contados desde o día da publicación da convocatoria no DOG.  

Conecta con Galicia no Camiño.

En concreto, Conecta con Galicia no Camiño destínase a mozos e mozas galegos de entre 18 e 21 anos residentes no exterior e ofértanse 100 prazas. O programa desenvolverase entre os días 20 e 31 de xullo de 2026 e consiste na realización dun tramo a pé de 100 km do Camiño de Santiago e doutras actividades complementarias. Durante a estadía, as mozas e mozos residirán na residencia xuvenil Altamar, situada en Vigo, ou na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas, situada en Ourense, ambas instalacións dependentes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. En función de cal sexa o lugar do aloxamento -Vigo ou Ourense-, os participantes realizarán un tramo do Camiño Portugués ou da Vía da Prata ata Compostela.

Conecta co Voluntariado en Galicia.

Pola súa banda, Conecta co Voluntariado en Galicia diríxese a persoas de entre os 21 e os 30 anos e ten como obxectivo reforzar os vínculos da mocidade galega no exterior a través da participación en actividades culturais e medioambientais. Neste caso, ofértanse 40 prazas e, a maiores, outras 10 para mozos e mozas que viven en Galicia, co fin de favorecer a convivencia, o intercambio de experiencias e a creación de redes entre ambas realidades. Das prazas para a mocidade exterior, 20 serán para o campo de voluntariado ambiental, que se desenvolverá do 23 de xullo ao 3 de agosto e consistirá en realizar tarefas de adecuación do espazo ambiental mariño e costeiro na ría de Arousa. As outras 20 prazas serán para o campo de voluntariado cultural, que terá lugar entre o 26 de agosto e o 6 de setembro.

Participación nas últimas edicións.

Nos anos 2024 e 2025 beneficiáronse de ambos programas autonómicos preto de 190 mozas e mozos -135 de Conecta con Galicia no Camiño e 53 de Conecta co Voluntariado en Galicia- de Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai, Venezuela e outros países do resto de América. Ao longo dos anos, o número de beneficiarios foi en incremento, tal e como reflicten os datos destes dous últimos anos, pois no 2024 participaron nestas iniciativas un total de preto de 70 persoas mozas e no 2025 preto de 120.
 

138 lecturas