En torno a 60.000 persoas de tres países, en dous continentes, visitaron ‘Galicia, Pórtico Universal’, segundo os datos do balance presentado por Miranda no Parlamento
A iniciativa da Xunta en colaboración coas Comunidades Galegas xerou asemade a participación de 1.313 especialistas en accións promocionais de produtos galegos, así como unha importante atención mediática.
- ‘Galicia, Pórtico Universal’ na Praza de Maio durante o ‘Buenos Aires celebra Galicia’ o pasado mes de setembro, coa Casa Rosada –sede da Presidencia arxentina- ao fondo
- Interior da instalación, durante a inauguración en Córdoba (co micrófono na man, Rodríguez Miranda, acompañado de diversas autoridades locais), o pasado día 3 de outubro
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentou esta mañá no Parlamento de Galicia o balance do funcionamento da iniciativa ‘Galicia, Pórtico Universal’, que cumpre precisamente un mandato parlamentario emanado da cámara galega no Debate sobre o Estado da Autonomía do ano 2012.
Nesa resolución, a cámara autonómica instaba á Xunta a que “elabore, impulse e execute un plan de promoción de Galicia, en colaboración coas Comunidades Galegas no exterior. Dito plan articulará as medidas de colaboración da Xunta coas comunidades galegas, cara ás sociedades nas que estean encravadas, para a promoción dos produtos agroalimentarios, do mar, da acuicultura, da artesanía, así como de Galicia en xeral como destino turístico, nomeadamente na divulgación do Camiño de Santiago”.
Así, a iniciativa da Secretaría Xeral de Emigración, en colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar, a Axencia Turismo de Galicia, e a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente da Consellería de Economía e Industria, púxose en marcha este proxecto, aproveitando as diferentes actividades que os centros galegos realizan por diferentes motivos ao longo do ano. Deste xeito, as galegas e os galegos da diáspora actúan como embaixadores e embaixadoras da promoción da calidade de Galicia e os seus produtos.
Un proxecto que foi medrando
A área inclúe unha exposición de artesanía galega, mostras de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, demostracións en vivo de actividades artesás galegas, área de información de Turismo de Galicia, e unha aula profesional de cata.
Asemade, no seu percorrido foi incluíndo novidades, como diversas expresións culturais adaptadas a cada cidade visitada, e tamén a venda de produtos de cadanseu consello regulador dos produtos agroalimentarios amparados por denominación de orixe ou indicativo xeográfico protexido que participan na iniciativa.
Segundo os datos expostos por Miranda, a área expositiva sobre a actualidade e calidade galegas ten concitado a atención de en torno a 60.000 visitantes, nas súas estancias en Barcelona, Hamburgo, Vitoria, Bos Aires e Córdoba, primeira vez que daba o salto ao outro lado do Atlántico.
Impacto moi positivo
O secretario xeral da Emigración tamén salientou que se acadou a cifra de 1.313 participantes nas accións especializadas de promoción do produto galego (empresas importadoras, comercializadoras, restauradores, sumilleres, etc...), máis de 150 aparicións en prensa escrita, radios e televisións xerais –tanto locais como autonómicos, nacionais e mesmo estranxeiros-, e se contabilizaron máis de 1.700.000 impactos en redes sociais.
Canto aos retornos acadados por esta acción, e aínda que matizou que “é aínda moi cedo para coñecer o seu alcance definitivo”, Miranda expuxo unha afluencia de público local moi importante –especialmente no caso de Barcelona, Vitoria e Bos Aires-, e o máis relevante no plano económico, diversos encontros de negocio entre empresas galegas que presentaban produtos na área expositiva con empresas importadoras e comercializadoras das localidades, Comunidades Autónomas e países destino desta acción.
O secretario xeral tamén destacou neste capítulo o importante éxito das catas de produtos galegos para profesionais acadado en tódalas cidades visitadas, a ampla aceptación destes produtos entre o público xeral e especializado, a estreita colaboración coas administracións de tódalas cidades receptoras, e sobre todo a definitiva implicación das comunidades galegas colaboradoras no éxito da iniciativa.
A este respecto, Miranda salientou que “no caso de Bos Aires era a primeira actividade que contaba coa participación do conxunto de entidades galegas en anos. Esta actividade é percibida polas nosas comunidades como un paso fundamental para recoñecer o papel da galeguidade na proxección exterior de Galicia. Está a favorecer a tan necesaria coordinación e unidade de acción das nosas colectividades no exterior. A galeguidade saíu reforzada desta primeira experiencia”.
Potenciais turistas
Outro aspecto salientable do balance que realizou o secretario xeral da Emigración é o retorno previsto no tocante á promoción turística de Galicia. A promoción de Galicia como destino turístico a través do stand institucional Galicia Pórtico Universal é altamente satisfactoria, xa que se prevé un elevado retorno en termos de potenciais visitantes a Galicia.
O perfil da persoa interesada é de un ou unha turista cun nivel cultural elevado, alto poder adquisitivo e cunha media de idade entre os 30 a 50 anos. Principalmente persoas casadas e con familia, que buscan en Galicia un lugar para unhas vacacións de calidade a un prezo razoable. “Neste apartado, a natureza, o Camiño de Santiago e a gastronomía seguen a ser os grandes motores na atracción que exerce Galicia sobre os seus potenciais visitantes”, segundo lembrou Miranda na cámara galega.
Para o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o funcionamento de ‘Galicia, Pórtico Universal’ demostra “a capacidade e eficiencia na unión de esforzos entre distintos departamentos administrativos, optimizando os recursos, así como a posibilidade mesmo de tender pontes de colaboración con outras administracións. Pero, ante todo, pon de relevo a profunda vontade de colaboración das comunidades galegas co progreso e desenvolvemento de Galicia, e a capacidade asombrosa das mesmas para facer atractiva a súa terra ante os ollos dos seus respectivos veciños”.
Novas relacionadas