A Secretaría Xeral da Emigración colabora, a través da súa web, na busca de familiares do cantante cubano galego Antonio Machín en Galicia

Descendentes do irmán do famoso artista, fillo dun emigrante ourensán, intentan localizar o lugar de nacemento e persoas achegadas ao músico.

O departamento autonómico que dirixe Antonio Rodríguez Miranda conta cun convenio coas diferentes dióceses galegas para procurar partidas de nacemento e outros documentos oficiais para emigrantes e descendentes.

Na imaxe: Antonio Machín (de pé á esquerda) con catro das súas irmás e irmáns e o seu pai e a súa nai (foto cedida pola familia)
Na imaxe: Antonio Machín (de pé á esquerda) con catro das súas irmás e irmáns e o seu pai e a súa nai (foto cedida pola familia)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2019.

A Secretaría Xeral da Emigración está a colaborar na busca de familiares do famoso cantante cubano galego Antonio Machín. A procura, emprendida desde os Estados Unidos por un familiar do artista, ten como finalidade atopar tanto parentes como o propio lugar de nacemento do pai do músico, Juan José Lugo Padín, ourensán emigrado a Cuba, en 1873. Alí, o pai do que sería unha das referencias mundiais do bolero, Antonio Abad Lugo Machín, coñeceu á que sería a súa muller, Leoncia Machín, coa que tería quince fillas e fillos, entre eles o cantante e o seu irmán Juan Lugo Machín.

Este último, avó de Alfonso Lugus de León, quen agora quere despexar as incógnitas das súas raíces galegas, seguiu os pasos do seu irmán en 1928, cando viaxou a España para exercer as súas labores como fontaneiro no pavillón de Cuba da Exposición Iberoamericana de Sevilla de 1929. No noso país formou a súa familia, que se enraizou en Andalucía.

Alfonso Lugus de León mudou aos Estados Unidos con 18 anos, desde onde se puxo en contacto co servizo da web da Secretaría Xeral da Emigración, GaliciaAberta, para atopar información sobre as súas orixes.  

Case 4.000 partidas de nacemento atopadas
O departamento autonómico, dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, conta, ademais, cun programa que facilita as e os descendentes de emigrantes galegas e galegos espallados polo mundo localizar as actas de nacemento das e dos seus antecesores nados en Galicia, documento imprescindible en moitos casos para obter, por exemplo, a nacionalidade española. Este servizo é posible grazas ao convenio que mantén coas cinco dióceses que hai en Galicia. As persoas interesadas deben facilitar o nome completo, a diócese e o ano de nacemento do seu familiar para poder realizar a busca.

Desde a súa posta en marcha este servizo ten permitido a localización e emisión de máis de 4.000 partidas de nacemento de emigrantes galegas e galegos.

243 lecturas