A Xunta continúa un ano máis a facilitar acceso á información dos galegos e galegas do exterior que buscan ás e aos seus antepasados
Durante o 2023 máis de 7.000 galegas e galegos obtiveron documentación sobre a súa orixe familiar e realizáronse máis de 20.000 consultas en busca de información sobre as e os seus antepasados galegos.
A Secretaría Xeral reforzará este ano a colaboración coas dioceses para seguir a dar resposta ás diferentes peticións de partidas de nacemento, bautismais, matrimonios ou defuncións.
Máis de 7.000 persoas galegas do exterior obtiveron documentación no último ano sobre a súa orixe familiar, a través da colaboración da Secretaría Xeral da Emigración cos arquivos das cinco dioceses galegas coas que este departamento ten asinado un acordo para este fin. En total, resolvéronse máis de 20.000 consultas en busca de información sobre as e os seus antepasados galegos.
Deste xeito, tanto o departamento autonómico como as cinco entidades eclesiásticas recollen as demandas dos diferentes certificados relacionados con partidas de nacementos, bautismais, matrimonio e defuncións dentro do seu ámbito competencial de coordinación de asistencia e apoio ás persoas emigrantes galegas e as e os seus descendentes.
Desde a Xunta recordan que moitas e moitos queren saber se aínda lles quedan familiares en Galicia, e en moitos casos, necesitan esa información para poder realizar diversos trámites nos seus países e comunidades autónomas de residencia.
Novas relacionadas




