A Secretaría Xeral da Emigración amplía o prazo de solicitude de axudas para obras e infraestruturas en entidades galegas do exterior, interrompida por mor do Estado de Alarma
A publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) dá a autorización do Consello da Xunta do 22 de maio para continuar co procedemento e fixa a nova data límite no 30 de xuño.
A dotación económica, de 575.000 euros, ten por obxecto achegas para facer fronte aos labores de conservación e infraestrutura de instalacións, así como para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.
A Secretaría Xeral da Emigración amplía ata o 30 de xuño o prazo de solicitudes do programa de axudas para obras e infraestruturas dirixido ás entidades galegas no exterior. A convocatoria, paralizada por mor da declaración do Estado de Alarma en España derivada da pandemia do coronavirus, reactivouse logo da autorización do Consello da Xunta do 22 de maio para continuar a súa tramitación administrativa. A publicación desta resolución do Executivo galego, que recolleu onte o Diario Oficial de Galicia (DOG), recupera o prazo de 29 días que restaban para o peche do período de solicitudes.
Dotada con 575.000 euros, a contía reservada para estas subvencións divídese en dúas liñas de actuación: unha primeira, para a reforma, rehabilitación e conservación, e unha segunda; para mellorar as dotacións e equipamentos de carácter inventariable. Estas achegas permiten subvencionar os gastos e proxectos que se vaian executar entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 30 de setembro de 2020.
Novas relacionadas