A Secretaría Xeral da Emigración amplía ata o 20 de marzo o prazo para solicitar as axudas extraordinarias en Venezuela, A Arxentina e O Uruguai

O departamento autonómico destina 2,6 millóns de euros para facer fronte a este pago único, que busca contribuír a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria das familias galegas do exterior con menos recursos.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2019.

A Secretaría Xeral da Emigración vén de ampliar o prazo para a presentación de solicitudes na Arxentina, O Uruguai e Venezuela para as Axudas Económicas Individuais, que remataba onte. A nova data de peche de peticións será o día 20 de marzo para estes tres países, que atravesan circunstancias especiais que xustifican esta prórroga. No caso de Venezuela, estas están a provocar grandes dificultades para que as persoas residentes neste país poidan reunir a documentación necesaria para solicitar as subvencións deste programa, así como para poder achegarse ás entidades colaboradoras habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes, entre outros aspectos.

Así mesmo, na Arxentina e O Uruguai existen dificultades para que as persoas maiores poidan reunir a documentación necesaria para solicitar as subvencións deste programa e desprazarse ás sedes das delegacións da Xunta nos respectivos países onde deben presentala.

A numerosa presenza de cidadás e cidadáns galegos nestes tres países fai aconsellable esta medida por parte da Secretaría Xeral da Emigración, xa que en Venezuela residen máis de 40.000 persoas que teñen a condición de galegas, das cales máis de 15.000 teñen 65 ou máis anos; na Arxentina residen máis de 165.000 persoas que teñen a condición de galegas; e no Uruguai residen máis de 40.500.

Unha boa parte de todas e todos eles, debido aos procesos inflacionarios que recorrentemente sofren estes países, non dispoñen de rendas suficientes para poder conseguir produtos de primeira necesidade ou farmacolóxicos para poder subsistir, polo que as axudas do programa de axudas económicas individuais resultan imprescindibles para a súa subsistencia, conclúe a xustificación desta ampliación do prazo.

Consolidación dun incremento do 20 % do orzamento
A partida deste ano consolida o incremento do 20 % aplicado nos orzamentos do anterior exercicio, que permite que esta contía alcance os 2,6 millóns de euros. O obxectivo desta medida é paliar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria de milleiros de familias galegas do exterior que se encontran nunha situación económica precaria.

Trátase dunha axuda de pago único á que o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda destina cada ano unha parte importante do seu orzamento, e que por segundo exercicio consecutivo dedica un esforzo especial aos galegos e galegas de Venezuela por mor da complicada situación que atravesa o país. A vulnerabilidade que está a bater nesta colectividade leva o Goberno galego a manter un apoio específico para suplir as súas necesidades máis básicas que se traduce nunha dotación de 900.000 euros só para axudas económicas individuais. 

A convocatoria deste programa da Secretaría Xeral da Emigración realízase en réxime de concorrencia non competitiva e está dirixida ás e aos emigrantes de orixe galega, e a determinadas e determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.

410 lecturas