A Secretaría Xeral da Emigración abre o prazo de solicitudes dos obradoiros para as entidades galegas do exterior
As disciplinas que se impartirán inclúen baile, gaita, percusión, pandeireta e canto, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega.
Os centros interesados contan cun mes de prazo para formalizar a súa petición.
O programa conta nesta edición cun orzamento de 90.000 euros para cubrir os gastos de formación.

A Secretaría Xeral da Emigración abre o prazo de inscrición para os obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega en colaboración coas entidades galegas do exterior, que teñen como obxectivo potenciar os costumes e tradicións galegos e posibilitar que as persoas galegas que residen no exterior manteñan os vínculos coa cultura de Galicia.
Concretamente e na edición deste ano, os obradoiros convócanse para as especialidades de baile, gaita, percusión, pandeireta e canto, artesanía (encaixe de palillos e confección de traxe tradicional), cociña galega, e seminarios de cultura galega, incorporados en 2014 a petición dos propios centros e que abranguen tanto o referente á tradición como á modernidade.
A formación terá unha duración de 15 días, ao longo dos cales se repartirán as 40 horas lectivas de que constará a través dun horario intensivo, agás no caso dos obradoiros de cociña e seminarios de cultura, cuxa duración e tempo lectivo redúcese á metade.
O programa da Secretaría Xeral da Emigración contará cun orzamentario para o desenvolvemento desta iniciativa de 90.000 euros, que se empregarán para sufragar a remuneración da persoa docente, o custo do desprazamento do formador ou formadora ao lugar de realización do curso, o custo do material necesario para impartir os obradoiros de carácter artesanal, de cociña, seminarios de cultura galega e, se é o caso, do seu envío, e o custo de elaboración dos contidos dos obradoiros e o seu desenvolvemento.
Gastos de formación e prazos
Pola súa banda, as entidades galegas fanse cargo dos gastos de estadía e manutención do formador ou formadora nun lugar en condicións axeitadas, dos gastos de traslado da persoa formadora dentro da cidade onde teña lugar o curso, da xestión e dotación das instalacións axeitadas, e da subministración doutro material funxible necesario.
Poderán solicitar a organización destes obradoiros as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades, co fin de poñer en común os medios e recursos dispoñibles.
O prazo de presentación de solicitudes, que deberá ser de xeito telemático para aquelas entidades con sede social en España, será dun mes a partir de hoxe, segundo figura na convocatoria, na que tamén se estipulan a documentación necesaria e o procedemento e criterios de valoración para a adxudicación dos cursos, así como os sistemas de seguimento e control.
Novas relacionadas