Emigración fai pública a convocatoria para 2014 de obradoiros e seminarios en colaboración coas comunidades galegas

Por primeiro ano, inclúense na convocatoria seminarios de cultura galega.

Calcúlase en máis de 50.000 o número de alumnas e alumnos que ata o momento teñen recibido algunha formación impartida ao abeiro desta resolución anual.

Nesta ocasión, impartiranse coa axuda da Xunta accións formativas en baile, gaita, percusión, pandeireta e canto, artesanía, e cociña galega, ademais dos seminarios de cultura galega.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2014.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se establecen as bases reguladoras para o desenvolvemento de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega en colaboración coas entidades galegas do Exterior.

Concretamente e na edición deste ano, os obradoiros convócanse para as especialidades de baile, gaita, percusión, pandeireta e canto, artesanía (encaixe de palillos e confección de traxe tradicional), cociña galega, e seminarios de cultura galega. No caso destes últimos, inclúense por primeiro ano na convocatoria, debido á súa demanda por parte dos propios centros e comunidades galegas do Exterior.

A formación desenvolverase ao longo de 15 días, cun tempo docente total de 40 horas, agás no caso dos obradoiros de cociña e seminarios de cultura, cuxa duración e tempo lectivo redúcese á metade.

Emigración destina neste ano orzamentario para esta iniciativa 90.000 euros, cos que sufraga a remuneración da persoa docente, o custo do desprazamento do formador ou formadora ao lugar de realización do curso, o custo do material necesario para impartir os obradoiros de carácter artesanal, de cociña, seminarios de cultura galega e, se é o caso, do seu envío, e o custo de elaboración dos contidos dos obradoiros e o seu desenvolvemento.

Obrigas das comunidades
Pola súa banda, as entidades galegas fanse cargo dos gastos de estadía e manutención do formador ou formadora nun lugar en condicións axeitadas, dos gastos de traslado da persoa formadora dentro da cidade onde teña lugar o curso, da xestión e dotación das instalacións axeitadas, e da subministración doutro material funxible necesario.

Poderán solicitar a organización destes obradoiros as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades, co fin de poñer en común os medios e recursos dispoñibles.

Na convocatoria, que fixa nun mes o prazo de presentación das solicitudes, estipúlanse asemade a documentación necesaria e o procedemento e criterios de valoración para a adxudicación dos cursos, así como os sistemas de seguimento e control.

É de salientar que o alumnado destes obradoiros, grazas á instrución e mellora das súas habilidades, acrecentan o seu interese e vinculación con Galicia. Así, e segundo o secretario xeral da Emigración Antonio Rodríguez Miranda, “a formación espállase a decenas de milleiros de alumnas e alumnos polos centros e casas de Galicia no mundo, pero sobre todo fornécese a ligazón entre a Galicia territorial e os seus fillos espallados por todo o mundo”.

Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións dos obradoiros e seminarios convocados por Emigración desde hai máis de 20 anos, máis de 50.000 alumnas e alumnos.

997 lecturas