A Secretaria da Igualdade advirte da importancia de blindar os dereitos laborais das vítimas de violencia de xénero

Marta González inagurou esta mañá na Facultade de Dereito de Santiago as xornadas sobre Violencia de xénero e dereito do traballo, organizadas pola USC.

Durante os días 7 e 8 de xullo, especialistas en diferentes disciplinas abordan as variables que afectan aos dereitos e á protección das vítimas.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaria Xeral da Igualdade, Marta González, considera que os dereitos laborais das mulleres vítimas de violencia de xénero son un factor decisivo nas políticas de protección desde unha perspectiva integral e, polo tanto, “deben estar blindados para evitar problemas engadidos ás vítimas”. Así se expresou durante o acto de inauguración das xornadas Violencia de xénero e dereito do traballo organizadas pola USC, no que tamén estiveron presentes a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; o decano da Facultade de Dereito, Luis Míguez; e as directoras do curso, as profesoras Lourdes Mella e Consuelo Ferreiro.

A titular de Igualdade da Xunta de Galicia destacou na súa intervención a “clara e contundente resposta lexislativa” dada á violencia de xénero desde o ano 2003, que debe progresar “producindo un maior avance, á vista da realidade que constatamos a diario quen estamos en contacto directo coas problemáticas destas mulleres e as circunstancias vitais que cada unha delas ten que enfrontar”.

A realidade das vítimas é tan complexa que “supera con moito a imaxinación do lexislador”, dixo Marta González, sustentando esta afirmación nalgúns casos producidos en Galicia, un deles, protagonizado por unha muller extranxeira ingresada coas súas dúas fillas no Centro de Emerxencias de Galicia, en Vigo, que decidíu abandoar as instalacións aos tres días por medo a perder o seu traballo, desoendo os consellos do persoal do centro e con grave risco para a súa seguridade.

A Secretaria Xeral da Igualdade salientou que somentes coa implicación conxunta de todos os estamentos da sociedade “conseguiremos plantar cara a esta lacra” e destacou o papel que desenvolve neste eido o sistema universitario “cunha influencia capital no desafío de ampliar a cultura da igualdade e abrir novas liñas de investigación e programas que axuden a anclar esta perspectiva no conxunto da sociedade” e contribuir a “transmitir como inflúe ese novo coñecemento sobre o benestar do conxunto da sociedade”.

As xornadas Violencia de xénero e dereito do traballo reúnen na Facultade de Dereito de Santiago durante os días 7 e 8 de xullo a destacados e destacadas especialistas que abordan a diversidade de variables que afectan aos dereitos e á protección das vítimas, cun enfoque interdisciplinar.

As xornadas inauguradas hoxe son as primeiras das catro iniciativas universitarias de verán que este ano subvenciona a Secretaría Xeral da Igualdade, cun total de 22.200 euros. As tres restantes son cursos de verán que abordarán Novas fronteiras na igualdade de oportunidades: educar para a igualdade de trato, do 19 ao 22 de xullo no Auditorio Municipal de Lalín (Pontevedra); A muller e os fluxos migratorios en Galicia, educación e desenvolvemento social, do 26 ao 29 de xullo no Auditorio de Caldas de Reis (Pontevedra); e Política social europea e inclusión social: os valores en tempo de crise, do 26 ao 29 de xullo en Sada (A Coruña).

1173 lecturas